Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Estudantes, voluntarios e mariscadoras únense para limpar de plásticos o banco marisqueiro da Basa

Limpeza con Mar de Fabula en Camarinas
Estudantes, voluntarios e mariscadoras únense para limpar de plásticos o banco marisqueiro da Basa

Fermosa, fermosísima a nova iniciativa medioambiental de Mar de Fábula. A entidade que coordina Xosé Manuel Barros continúa traballando pola limpeza do noso litoral, e pola concienciación na conservación da natureza, e faino con propostas tan singulares como que tivo lugar o pasado sábado 4 de maio na zona de Xaviña, en Camariñas.

Era a IV Limpeza do banco marisqueiro da Basa, onde traballan as mariscadoras de Camariñas. Á cita, á que acodiron uns 20 voluntari@s e á non fallaron as comprometidas mariscadoras (unhas 20), uníronse uns 40 alumn@s e membros da comunidade escolar, voluntarios do colexio San José de Cluny, que por segundo ano viaxaron dende Santiago para mostrar a súa solidaridade coas traballadoras do mar.

Xunt@s fixeron un extraordinario traballo recollendo toda a infamia do lixo plástico que esta sociedade de consumo obsesivo tira ao mar e os temporais de inverno devólvenos na ribeira. O total da colleita foron 48 sacos grandes de 100 litros cheos dunha miscelánea de refugallos plásticos máis un enorme volume de granel (incluído o esqueleto dunha enorme lancha neumática e unha estacha de amarre dun barco mercante).

Ao remate do traballo, na área recreativa do Ariño, á beira do mar e baixo a sombra dos pinos, gozaron dun picnic de confraternidade e falar de proxectos de futuro na defensa do noso mar.

Xa o luns, un tractor con remolque do concello de Camariñas levou todo este lixo plástico á zona da Granxa en Arou onde Mar de Fábula procederá á súa separación, clasificación e depósito nos respectivos containers que alí teñen instalados en colaboración co concello.

Un ano máis, a recortada xeografía do fondo da ría de Camariñas quedou limpa grazas á decidida acción da sociedade civil galega.

Limpeza da zona da Basa-Camarinas con Mar de Fabula

Novas relacionadas

Comentarios