Influencers de referencia en Portugal visitan a Costa da Morte da man da APTCM

Non é mala a idea de promocionar o produto gastronómico da Costa da Morte entre a mocidade portuguesa. E aproveitando o comezo da campaña Temporada de Mar, que trata de poñer en valor os produtos do noso mar durante os meses con R, a Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM), vén de invitar a dous recoñecidos influencers de viaxes do país veciño, que compartiron coa súa comunidade as súas vivencias na comarca.
O coñecido blogueiro portugués Gato Vadio (https://gatovadio.pt/) regresou á Costa da Morte, un destino que xa coñecía e ao que volveu cunha ollada renovada para centrarse na gastronomía, contido visual e vida mariñeira. Con máis de 42.500 seguidores en Instagram, 33.000 en Facebook e arredor de 70.000 visitas mensuais ao seu blogue. Durante a súa estadía, aloxouse no Hotel La Marina (Cee) e degustou a gastronomía local en Mar de Morosa, Carrumeiro e Mamá Celia. Ademais, participou en actividades vinculadas á tradición e ao comercio da zona, como a visita á Peixaría do Mar de Morosa, á Stoupa Tenda e á Casa do Cuco.
Do 17 ao 19 de setembro, foi a quenda de Girl from Nowhere, unha influencer portuguesa cunha destacada comunidade en redes sociais (máis de 28.000 seguidores en Instagram, 950 en Facebook e arredor de 6.000 visitas mensuais no seu blogue girlfromnowhere.pt).
En Fisterra, aloxouse no Hotel Alén do Mar, degustou a cociña local nos restaurantes Terra e Fontevella, e participou nun completo programa de actividades: percorrido polo Museo da Pesca de Fisterra, encontro coa Confraría de Fisterra, unha aventura con Fish-Terra e a visita ao hotel literario Bela Fisterra.
Promoción da Costa da Morte como destino único.
O proxecto Temporada de Mar, impulsado por APTCM e financiado polo GALP Costa Sostible, impulsa a desestacionalización do turismo na zona sur da Costa da Morte a través da valorización dos productos pesqueiros de quilómetro cero, de pesca tradicional e artesanal nos meses con “r”, que é cando o peixe e o marisco está no seu momento óptimo. O proxecto introduce este tipo de produtos nos establecementos da rede, para que os promocionen e poñelo en valor como selo de identidade do noso territorio. Tamén ten por obxectivo concienciar ao sector turístico, á poboación local e á poboación visitante sobre a importancia da conservación do mar, do medio ambiente, do seu patrimonio e da economía azul, especialmente fóra da temporada estival.
O proxecto Temporada de Mar promove unha rede de gastronomía de quilómetro cero na zona sur da Costa da Morte. Está impulsado por APCTM, e cofinanciado pola Unión Europea a través do GALP Costa Sostible da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.