Sábado. 06.06.2020
El tiempo

Jorge Rodríguez, cardiólogo: "O infarto ten maior mortalidade que o coronavirus e o seu tratamento é moito máis eficaz"

Jorge Rodríguez Garrido, cardiólogo afincado na Costa da Morte.
Jorge Rodríguez Garrido, cardiólogo afincado na Costa da Morte.
Jorge Rodríguez, cardiólogo: "O infarto ten maior mortalidade que o coronavirus e o seu tratamento é moito máis eficaz"

Tal e como falábamos a semana pasada con varios profesionais do sector da sanidade, estase a notar un descenso na afluencia de xente nos centros médicos e hospitais. Unha tendencia que, segundo explican, estase a dar por mor do medo, aínda que tamén pola concienciación do momento no que estamos.

Mais, como todo, esta situación tamén conta con outra cara. A Sociedade Española de Cardioloxía está a alertarse pola redución dun 40% do tratamento do infarto agudo de miocardio dende que se decretou o Estado de Alarma no noso país por culpa do coronavirus.

Falamos co doutor Jorge Rodríguez Garrido, cardiólogo afincado en Cee, quen explica que nestes momentos os infartos que lles están a chegar son moito máis evolucionados no tempo, o que produce unhas maiores complicacións. “Temos visto algún infarto roto, no que directamente o músculo do corazón queda necrótico e tan fino que, a maior tempo, máis probabilidade de que haxa unhas complicacións moito máis graves”, declara.

O cardiólogo comenta que estes datos son “dramáticos”, pois “non é que a xente fume menos, nin estea menos estresada, todo o contrario. Non entendemos esta baixada, porque os infartos case nunca son invariables no tempo. Entón, hai unha baixada do tratamento do infarto pero infartos hai os mesmos e seguramente a xente os estea sufrindo nas súas casas. O que estamos a escoitar é que a xente está a quedar na casa e pasa os infartos na súa casa por medo a contaxiarse no hospital”, afirma.

Rodríguez indica que isto “é gravísimo” e esta práctica suscita un “peor prognóstico e ocasiona unha maior mortalidade canto máis se tarde en ir ao hospital”. Ademais que “o infarto ten unha maior mortalidade que o coronavirus e o tratamento que temos é moito máis eficaz que o tratamento do coronavirus”, afirma o cardiólogo.

É por isto, en caso de ter un infarto ou sospeitas de que se está sufrindo algún, debe ir ao hospital. Os síntomas máis comúns de infarto serían dor opresiva no peito dende o esterno ata a mandíbula que non se modifica nin cos movementos nin coa respiración e que ocasiona unha fatiga moi grande. Esta dor podería asemellarse á de estar sendo aprisionado por unha lousa que non permita respirar.

Nestes casos, non fai falla desprazarse ata o centro médico ou o hospital, o que se debe facer é chamar inmediatamente ao 061. “Cunha simple chamada, os do 061 xa activan o protocolo e dinche o que debes facer; pero non se pode ter medo a chamar, porque moitas veces o tratamento salva vidas”, asegura Rodríguez.

Ademais, sabendo que se trata dunha zona como a Costa da Morte na que as comunicacións son peores que noutros sitios, cobra especial relevancia este tempo de reacción. Ao estar máis afastados e peor comunicados cos grandes núcleos hospitalarios, a distancia a percorrer é maior para chegar ao hospital a tempo e realizar un cateterismo.

Compre recordar que, nestes momentos, tal e como nos explicaba Francisco Santiago a semana pasada, no Hospital Virxe da Xunqueira estase a levar a cabo un protocolo estrito para evitar ao máximo calquera contaxio e, como no HVdX, tamén se está a facer en todos os hospitais. Polo tanto, se hai algún indicio de sufrir un infarto, “ten que ir a urxencias e non debe dubidar de ir por medo ao contaxio”, afirma o cardiólogo.

comentarios