Venres. 29.03.2024
El tiempo

Limpan os areais trala chegada das velenosas carabelas portuguesas

Carabelas portuguesas en Camelle
Carabelas portuguesas en Camelle
Limpan os areais trala chegada das velenosas carabelas portuguesas

Por toda a provincia están as carabelas portuguesas estes días, provocando o peche de innumerabes praias. Como a de Caión, onde o Concello da Laracha pechaba o acceso pola toxicidade destas medusas, que mesmo mortas poden ser moi perigosas ao tacto.

Estes días son os voluntarios das Agrupacións de Protección Civil os que limpan, con moito coidado, os areais. O mesmo aconteceu nas zonas da Barda e Ninñóns en Ponteceso, nas praias de Muxía, de Camariñas, de Fisterra, de Malpica…

AUGAMARES?

Dende o CEMMA lembran que a Physalia physalis realmente non é unha medusa, "é unha asociación de animais diferentes que viven en colonia, tendo cada un deles unha función (flotación, caza, reprodución, ...)".

"A chegada desta e doutras especies de augamares á costa é un proceso natural de achegamento de masas de auga quentes empurradas polas borrascas do oeste. Dende final do verán están chegando ás nosas costas diferentes ondadas de distintas especies: Pelagia noctiluca,  Chrysaora hysoscella, Rhizostoma pulmo, Velella velella e agora Physalia physalis, que posiblemente reflictan unha estratificación no hábitat oceánico, mais descoñecemos moito da súa vida no mar maior.
O que temos claro é que a disminución das tartarugas mariñas en todo o planeta está a provocar un claro aumento de augamares de todas as especies, xa que aquelas son os seus depredadores naturais".

Que facer en caso de aglomeracións?

O CEMMA dannos unha serie de recomendacións xenéricas sobre todo ante a presenza de especies máis perigosas:

  •  Se é tal número que non se pode andar na auga sen evitalas, pechar a praia ou limitar o acceso a algunha zona, polo menos durante 24 horas. 
  •  Tomar precaucións aínda que non haxa animais completos dado que a acción das ondas rompe os tentáculos e as células dos fragmentos flotantes de augamar poden seguir activas.
  •  É preciso un período dun día de sol para desactivar as células urticantes localizadas nos fragmentos.
  •  Sacar fóra da auga, con precaucións, tantas augamares como sexa posible. Recoller con coidado aquelas que vararon na praia. En especies perigosas o uso de luvas finas de látex ou similar pode non protexernos.
  •  Avisar aos bañistas non familiarizados con estes organismos que non os toquen incluso si estes aparecen mortos. Atención para os nenos e persoas cun historial de alerxias (atopía ou asma), persoas que xa foron picadas por medusas con anterioridade e persoas con problemas cardíacos.
  •  Non pasear pola praia na rompente das ondas onde poden abundar fragmentos de medusa.


Que facer diante dunha picadura de medusa?

Hai que intentar identificar a especie de medusa que ocasionou a picadura porque se a identificación é satisfactoria os tratamentos médicos poden aplicarse para desactivar os cnidocistos.
No primeiro momento, e a modo de protocolo xeral sempre que non identifiquemos a especie: 
- Non frotar a zona afectada, nin con area nin coa toalla, non utilizar amoníaco.
- Extraer calquera resto de tentáculo que permaneza adherido á pel, pero sempre coas mans cubertas (o ideal cunhas pinzas, se non luvas, ..., tendo en conta que unhas luvas finas de látex poden no protexernos por exemplo cunha carabela portuguesa).
- Non limpar nunca a zona afectada con auga doce, usar sempre auga salgada, ou mellor soro fisiolóxico.

 

Como apuntamento, cómpre ter en conta que as persoas que xa foran picadas unha vez, están sensibilizadas e unha segunda picadura pode producir unha reacción máis severa.

Carabela portuguesa-foto-CEMMA
Foto do CEMMA

Novas relacionadas

Comentarios