Máis ofertas no comezo 2016 na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo
Paree mentira que o Infojobs e ata o blog traballarnacosta teñan máis actividade laboral que o INEM. Descoñecemos porque as iniciativas privadas funcionan, normalmente, mellor que as públicas.
Pero na comarca temos unhas exceción, despois de comprobar que o grao de implantación da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo é cada vez maior, e non só entre as persoas que buscan unha ocupación laboral ou mellorar a que teñen, senón tamén entre as empresas.
O ano 2016 comezou cun notable incremento de ofertas de emprego. De feito, no mes de xaneiro foron xestionadas 12, moi por riba da media mensual, que se sitúa en 8. Pero non só son cada vez máis as empresas que recorren a este servizo municipal, senón que tamén é máis frecuente que repitan, de xeito que para algunhas delas a BDT está a converterse nunha canle habitual, áxil, rápida e eficaz para cubrir as súas necesidades de persoal.
No comezo do 2016 cubríronse dende a BDT ofertas para os sectores da agricultura, os servizos e a hostalería. Neste momento están abertos cinco procesos de selección:
- Comercial de 25 a 55 anos, con coche e dispoñibilidade para viaxar por toda España. Requirido nivel medio-alto de inglés.
- Vendedor axente comercial, con dotes comerciais e habilidades comunicativas, para traballar para unha empresa do sector da seguridade e contraincendios.
- Comercial para empresa de novas tecnoloxías, de 25 a 50 anos de idade e con coche propio. Formación á cargo da empresa.
- Mecánico de maquinaria de construción para traballar en reparacións nunha empresa de Carballo. Maior de 20 anos e con dous anos de experiencia como mínimo. Xornada completa con horario partido.
- Electricistas para traballar en obra e dispoñibilidade para viaxar por toda España. Imprescindible curso de prevención xeral e específico en electricidade e curso de plataformas ou carretillas elevadoras. Valorarase a experiencia laboral.
No mes de xaneiro non só se rexistrou un aumento das ofertas de emprego, senón tamén do número de persoas usuarias, cun total de 60 altas. En pouco máis de tres anos en funcionamento, A BDT conta con máis de 2.000 demandantes de toda Galicia. Co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos/as usuarios/as, o servizo municipal está a preparar o plan de formación para este ano, que incluirá cursos adaptados tanto ás necesidades das persoas inscritas na Bolsa de Traballo coma das empresas.
Lembramos que a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo é un servizo municipal que ten a súa sede no Fórum Carballo. O horario de atención ao público é de 8.30 a 14.30, de luns a venres, tanto presencialmente como a través do teléfono 981 709 011.
Novas relacionadas
- Traballarnacosta, o Infojobs da Costa da Morte.
- A Bolsa de Traballo de Carballo acadou 187 insercións laborais en 3 anos.
- Unha ollada aos completos cursos de Soldadura, Hostalería e Electricidade do Forum Carballo.
- 75 persoas fórmanse en Carballo co obxectivo da inserción laboral.
Fonte
- Nota de prensa da BDT.