Mércores. 01.05.2024
El tiempo

Medio Rural une a Costa da Morte e as Rías Baixas Norte

Medio Rural une a Costa da Morte e as Rías Baixas Norte
Nacen unhas novas siglas na Costa da Morte. Por se non chegan os GDR, os GAC (por certo, os dous que separan a bisbarra veñen de unir as súas forzas), Pacto de Emprego, Plataforma de Desenvolvemento, Consorcio de Turismo (por certo, que sería del se o vicepresidente da Deputación os contaba que estaría listo antes do verán de 2010?)... Infinidade de entes que dirixen os cartos que chegan para a Costa da Morte. E hoxe nacía un novo, o Consello de Zona da Costa da Morte e Rías Baixas Norte, creado pola Consellería de Medio Rural. O Consello foi presentado esta mesma mañá de martes 1 de marzo polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, que acompañado polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, achegouse esta o concello de Malpica. O Consello nace dentro do protocolo xeral que coordinará os plans da Lei 45/2007 de desenvolvemento sostible do medio rural e do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014 (PDRS 2010-2014). Este órgano consultivo e participativo, no que están representados Xunta, tres alcaldes a proposta da Fegamp, sindicatos agrarios e de clase, representantes do grupo de desenvolvemento rural, asociacións de mulleres rurais e colectivos conservacionistas, recibirá as propostas para a elaboración do Plan de Zona no que se recollerán as actuacións a acometer.

Concellos participantes

Demarcáronse 12 áreas rurais no país cun Consello de Zona en cada unha delas. No Consello da nosa zona, ademais dos 15 concellos que cubrimos en QPC (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Vimianzo, e Zas), a Xunta engade os de A Baña, Boiro, Coristanco, Lousame, Negreira, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Santa Comba.

Eixos estratéxicos

O Programa contempla catro eixos estratéxicos:
  • actividade económica e emprego (apoio a agricultura territorial, diversificación económica e creación de emprego);
  • infraestruturas e equipamentos básicos (infraestruturas de intere e xeral, enerxías renovábeis, auga, TIC);
  • servizos e benestar social (seguridade cidadá, educación, cultura, sanidade, protección social, urbanismo e vivenda)
  • medio ambiente (planificación ambiental e conservación e xestión dos recursos naturais).

Investimento

As actuacións en toda a nosa Comunidade acadarán unha contía total que supera os 170 millóns de euros, a partes iguais entre a Xunta de Galicia e o Ministerio do MARM, a realizar no quinquenio 2011-2015 nas 12 áreas rurais que quedaron definidas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Medio Rural.

Comentarios