Martes. 16.04.2024
El tiempo

1 ano de GDR e 39 proxectos recibidos

1 ano de GDR e 39 proxectos recibidos
Pode parecer que os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e os Grupos de Acción Costeira (GAC) da bisbarra tampouco están chegando demasiado á poboación. A poboación da Costa da Morte ten unha carencia en innovación e emprendemento. Faltan novas iniciativas empresariais e aí onde realmente teñen que traballar estes grupos, máis alá de campañas de publicidade na prensa e nas emisoras. Con todo, hoxe facemos balance do ano 2010 para unha destas asociacións supramunicipais que xestiona os fondos europeos para o rural costeiro. Xa lle vimos o orzamento para o 2011, que ascenderá a 88.000€, pero é que a asociación GDR Costa da Morte, presidida por Manuel Muíño Espasandín, pecha o ano 2010 cun total de 39 proxectos recibidos , iso si, a maioría na centralizados na comarca de Soneira. Non parecen demasiados, contando con que se tratan de axudas a iniciativas empresariais que ata subvencionan o 100% dos proxectos. Pero bueno, son xa máis de medio millón de euros os que teñen recibido os promotores destes 39 proxectos para invertir na bisbarra. Hai proxectos presentados polas administracións, por empresas grandes que queren ampliar o seu negocio, por particulares que queren emprender novas rutas comerciais… E entre eles hai proxectos produtivos ou non produtivos. Pero sobre todo hai proxectos que poden dinamizar o desenvolvemento económico sostible da Costa, como poden ser un proxecto de instalación de placas solares, unha rede wifi en Camariñas, varios Telecentros e varios restaurantes.

Datos económicos

Destes 39, 14 proxectos xa foron aprobados, outros 14 están á espera da verificación do ICE (Informe de Control de Elexibilidade) por parte de AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) e os 11 restantes están pendentes de completar toda a documentación precisa. O investimento total previsto dos 14 proxectos xa aprobados ascende a 2.133.214,60 €, mentres que as axudas concedidas alcanzan os 889.315,30 €. O orzamento do conxunto dos proxectos xa certificados, pola súa parte, é de 1.113.974,30 €. As subvencións cobradas sitúanse nos 475.337,82 €. A esta cifra hai que engadirlle 43.195,24 € en concepto de anticipos. O importe total percibido polos promotores cífrase, polo tanto, en 518.533,06 €. Polo que respecta aos proxectos pendentes da verificación do ICE, o investimento previsto de todos eles elévase a 755.469,88 €.

Estado dos proxectos

Atendendo ao estado de execución dos proxectos, a desagregación é a seguinte:
  • Proxectos finalizados: Modernización dunha carpintería de madeira (Camariñas), Construción do Telecentro de Caberta (Muxía), Posta en marcha dun negocio de cociñado ao baleiro (Corcubión), Realización de áreas de pastizais no M.V.M.C. de Montecelos (Vimianzo), Merca de desbrozadora e fresadora (Vimianzo) e Campaña de promoción territorial do GDR Costa da Morte para o ano 2010.
  • Proxectos en execución: Nova liña de negocio de instalación de placas solares fotovoltaicas (Vimianzo), Creación dunha planta de primeira transformación de elaborados cárnicos asociados a unha explotación familiar (Dumbría), Instalación dunha nova pastelería (Camariñas), Construción do Telecentro de Mazaricos, Instalación dunha nova planta de pesaxe e aserrado de madeira (Vimianzo), Modernización dunha fábrica de pensos (Vimianzo) e Creación dunha páxina web (Zas).
  • Proxectos en trámite (pendentes de verificación do ICE): Creación dunha sede social (Vimianzo), Mellora dun tramo do Camiño Xacobeo (Corcubión), Modernización empresarial (Vimianzo), Apertura dunha clínica de podoloxía (Mazaricos), Construción dun Telecentro en A Devesa (Vimianzo), Adaptación de edificio para centro social (Vimianzo), Creación dun restaurante (Vimianzo), Adquisición de maquinaria para ampliar unha imprenta (Muxía), Compra dunha envasadora de leite fresco en explotación agraria para venta directa (Muxía), Recuperación medioambiental dos accesos ao Mirador do Ézaro (Dumbría), Creación dunha zona wifi (Camariñas), Construción do Telecentro municipal de Carnota e Campaña de promoción territorial do GDR Costa da Morte para o ano 2011.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios