Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A morte do percebeiro en Laxe reabre o debate sobre as condicións do colectivo

Rescate en Laxe
Imaxe do operativo do pasado luns na Punta Insua-Foto: Vítor de Mira
A morte do percebeiro en Laxe reabre o debate sobre as condicións do colectivo

O falecemento do percebeiro de Laxe acontecido onte, reabre o eterno debate sobre as condicións deste colectivo. Un colectivo de traballadores inmerso no grupo de “mariscador@s”, cando as condicións de traballo dun percebeir@ nas rochas a mercé das batidas do mar e un mariscador nunha ría son evidentemente diferentes. “Non é o mesmo estar mariscando nunha praia ou nunha ría ao berberecho, que estar ao percebe correndo polas pedras. Téñeno que separar, como sexa. A día de hoxe estamos nas mesmas condicións, e non pode ser”, explica por exemplo o percebeiro e patrón maior de Corme, Roberto Vidal.

De aí que o sector queira poñer de novo enriba da mesa a necesidade de modificar as súas condicións laborais. Asuntos como a mellora do coeficiente redutor para a xubilación, que permita que @s profesionais se poidan xubilar aos 55 anos (o finado onte tiña 59) son fundamentais.
No caso dos percebeiros, ademais, dase a circunstancia de que os días de traballo do colectivo en conxunto contan para a renovación do permiso, de xeito que cando baixan os percebeiros máis novos un día de mar, os máis maiores están obrigando a baixar para que se lle contabilice tamén o día de traballo e non lle perxudique á hora da renovación.

Outro asunto fundamental é a petición de poder traballar cando o permita o mar. É inconcebible que a día de hoxe os percebeiros dependan do día da semana máis que das condicións meteorolóxicas, pero a realidade é que se vén unha semana complicada con mar bravo na que non se pode saír a traballar, aínda que o mar baixe, durante a fin de semana non se pode saír a faenar.

A Costa da Morte como exemplo

O programa da TVG de Roberto Vilar, Quen anda aí, tivo un especial sobre o mar. Nel ademais de analizar a vida dos percebeiros, vivindo un día de traballo con Suso Lema (de 54 anos), con Roberto Vidal (percebeiro e patrón maior de Corme), ou Emma Abella, a muller de Paco Souto, o poeta e percebeiro malpicán falecido en 2017.

Novas relacionadas

Comentarios