Numerosas entidades da Costa da Morte súmanse ao rexeitamento do Campionato de España de caza do raposo


Asociacións como Senda Nova, Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, a asociación de veciños de Cereo, Contramínate de Laxe, Cova Crea, a Plataforma pola Defesa de Corcoesto e Bergantiños, a Plataforma pola defensa da Terra de Coristanco e a asociación veciñal e cultural río Lourido de Valenza, súmanse á campaña de rexeitamento social contra a práctica “deportiva” da caza do raposo. Como fixera PX, o biólogo Martiño Nercellas a título persoal, ou varios veciños a través dunha Fotodenuncia, estas entidades ecoloxistas, colectivos e asociacións ambientalistas de Costa da Morte piden a paralización inmediata do campionato de España de Caza, que Galicia ten previsto acoller o vindeiro 3 de febreiro, nun espazo situado entre os concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada.
Denuncian que devandito supón unha “vulneración flagrante e manifesta da Lei de caza vixente e do artigo 45 da Constitución española”. Este luns algunhas destas entidades xa teñen previsto enviar o seu posicionamento á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e á Valedora do Pobo, xa que non existe ningún interés público na organización destas batidas e campionatos que cada vez contan con máis repulsa e rexeitamento social.
Lembran que “Este campeonato de caza de raposo, ao igual que outros xa celebrados, non teñen ningún obxectivo de xestión da especie, resultan ilegais, xa que vulneran a Lei 13/2013 de caza de Galicia”. “Non é legal nin ético nin racional unha práctica cruel, irracional, depredadora que consiste en matar o maior número de raposos no menor tempo posible”, reiteran.
Novas relacionadas
- O Colectivo PX tamén pide acabar coas batidas de raposo ante a gravísima caída da especie.
- Martiño Nercellas: Os campionatos de caza de raposo.
- Fotodenuncia: Así anunciamos o comezo da temporada de caza do raposo?.
- A Caza do raposo… sen escopeta.
- A importancia do raposo para erradicar a enfermidade de Lyme.
- 2017: Rescatan un raposo ferido en Cee.
- Febreiro 2008: Volve o raposo ás Illas Lobeiras.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).