O BNG carballés esixe un Centro de Especialidades como paso previo a un Hospital Comarcal
Trala reunión co Xerente de Xestión Integrada do Sergas, acompada da concentración de pais e nais, toca reflexionar e facer unha declaración completa das necesidades sanitarias da area carballesa. O BNG carballés vén de enviar unha carta reclamando máis investimento fronte ao progresivo desmantelamento da sanidade pública por parte do Goberno da Xunta, esixindo un Centro de Especialidades como paso previo a un hospital comarcal.
Consideran que “a insuficiencia de pediatras para atender a unha poboación que supera os 4.000 nenos e nenas, coa gravidade que iso representa, é a mostra da deficiente asistencia sanitaria que padecemos”.
Por iso, Carballo “precisa un centro de especialidades que garanta unha asistencia sanitaria de calidade, no que, lonxe de reducir, como están a facer, os días de consulta de cirurxía ou toco-xinecoloxía, se introduzan servizos permanentes e novas especialidades, como medicina interna”.
Así, “o reforzo do centro de especialidades debe ser, desde o noso punto de vista, o primeiro paso de cara á construción do hospital comarcal co que deberiamos contar desde hai décadas pero que se nos sigue negando malia contar cun concello cabeceira de comarca que supera xa os 31.000 habitantes”.
”Desmantelamento”
”Padecémolo a diario: cando acudimos a urxencias coas nosas fillas e non lles fan radiografías porque non hai especialistas para informalas, cando temos que agardar catro meses por unha cita para fisioterapia ou para traumatoloxía, ou cando, como vimos padecendo e denunciando, en vez dos 5 pediatras (1 deles a media xornada) que seguen aparecendo na web do Sergas temos só 3 (1 deles a media xornada)”.
Novas relacionadas
- 20-10-17: O alcalde de Carballo transmítelle ao xerente de Xestión Integrada do Sergas a necesidade de máis pediatras no centro de saúde:
- 07-04-16: Búscanse pediatras, de verdade, para Cee
- 04-09-15: Por un segundo pediatra para Cee e Corcubión.
- 04-06-14: Pais e nais de Cee e Corcubión protestan polo retraso na incorporación do pediatra.
- 07-04-14: 1000 firmas por un servizo de pediatría decente para Cee e Corcubión.
- 26-03-14: Cee saíu unha vez máis á rúa a berrar pola Sanidade Pública.
- 24-03-14: O problema de pediatría de Cee chegará ao Pleno.
- 19-03-14: 1.500 nenos sen pediatra en Cee e Corcubión.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected])