![protesta-pediatras-carballo]()
Pais e nais, persoal sanitario e membros do goberno de Carballo manifestaronse no pasado mes de outubro para reclamar máis pediatras en no centro de saúde de Carballo
O Parlamento Galego vén de botar atrás unha proposta presentada polo BNG na que se propoñía a construción dun novo centro de saúde, a ambulancia medicalizada e o incremento das especialidades no centro de saúde de Carballo por un importe superior aos dous millóns de euros. "O Partido Popular rexeitou as emendas presentadas polo BNG. O portavoz do grupo municipal do PP, Aurelio Núñez, na súa condición de deputado, tamén levantou a man para votar en contra destas propostas, que permitirían atender as insistentes demandas da poboación e garantir aos nosos veciños e veciñas a calidade da atención sanitaria que reciben" indica o BNG de Carballo nunha nota de prensa.
Segundo sinalan dende o partido nacionalista de Carballo, unha das emendas presentadas tiña como finalidade a
adquisición de ambulancias medicalizadas para atender a sete comarcas galegas, entre elas as de Bergantiños e a Costa da Morte."O PP négase a realizar este necesario e demandado investimento, do mesmo xeito que co seu voto pecha as portas ao
mantemento e a mellora das especialidades do noso centro de saúde". Ainda así, os nacionalistas indican que seguirán insistindo para que a veciñanza de Carballo e do resto da comarca "poida ter ao seu dispor especialistas en cirurxía ou ecografía non só un día á semana, como ocorre agora, coas conseguintes e interminables listas de agarda, por non falar das n
ecesidades de pediatras que, segundo vimos constatando nos últimos meses, existen en toda a Costa da Morte".
"O PP e Aurelio Núñez tampouco queren que Carballo poida dispoñer dun
novo centro de saúde, outra vella demanda que permanece agochada desde que goberna o PP na Xunta de Galicia", indican os nacionalistas de Carballo. O BNG incluía entre as súas demandas unha partida de un millón de euros para acometer esa nova infraestrutura, que lle corresponde por poboación e que tamén redundaría nunha evidente mellora da atención sanitaria.
Outras enmendas
O PP tampouco aprobou outras emendas presentadas polo BNG para acometer o abastecemento de auga á zona de Baldaio, a variante de Carballo ou as travesías de Bértoa e A Casilla. "Así defende Aurelio Núñez os intereses do seu concello e dos seus veciños e veciñas no Parlamento de Galicia, que, un ano máis, exclúe dos Orzamentos ao noso concello. Pero se pensa que deste xeito castiga ao BNG está moi equivocado, a quen realmente castiga é ao pobo de Carballo", indican dende o BNG.