Xoves. 10.10.2024
El tiempo

O BNG califica no Parlamento de “pelotazo especulativo” a venda de XEAL

Foto_Daniel_Perez_Lopez_12_05_23
O Deputado do BNG Daniel Pérez
O BNG califica no Parlamento de “pelotazo especulativo” a venda de XEAL

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o deputado do BNG, Daniel Pérez cualificou de “pelotazo especulativo” a nova operación de venda das centrais que  Sixth Street mercou ao grupo empresarial Villar Mir, operación, que en opinión do nacionalista repercutirá negativamente no futuro das fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría.

Na formulación da pregunta parlamentaria, o deputado  explicou que "o custe da compra das dúas centrais sitúase en 300 millóns de euros e cunha valoración de  170 M€; é dicir, dende 2019 hai un beneficio claro de 130 millóns de euros que non tivo repercusión na comarca nin nas fábricas, ao contrario, a realidade deste "pelotazo" é que - nas factorías hai 130 traballadores e traballadoras menos e os empregos na industria auxiliar practicamente desapareceron". Por outro lado, dos cinco fornos operativos en 2019, na actualidade só hai 1 en marcha e cunha produción mínima.

O BNG lembra que "a cambio de poder empregar os nosos ríos para xerar enerxía que abarate os costes de produción, os propietarios das fábricas de Cee e Dumbría están obrigados a manter a actividade produtiva e o emprego das fábricas. As cláusulas concesionais establecen que  hai unha actividade principal, a de produción de ferroaliaxes, que deber ser protexida e impulsada pero as dinámicas empresariais, os riscos derivados de operacións especulativas dos grupos empresariais, así como a evolución dos mercados de produtos electrointensivos e o enerxético provocaron que para a parte mercantil, o que era actividade complementaria da principal se convertese “nun prato moi apetitoso”, e por iso no ano 2017 o grupo Villar Mir intentou “ás bravas” esa segregación".


Tras a resposta do secretario Xeral de Emprego, Pablo Fernández, que informou ao deputado carballés dunha futura reunión da Xunta co novo propietario para coñecer as súas previsións, o nacionalista insistiu en que o Goberno galego non pode limitarse a una mera xuntanza, “debe facer cumprir as cláusulas concesionais e garantir os postos de traballo e actividade industrial nunha comarca xa gravemente castigada despois de tantas operacións que só benefician  a grandes  empresas do sector enerxético”.

Comentarios