Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Energo-pro, un grupo especializado en enerxía hidroeléctrica, compra XEAL

fabrica de xeal en Cee
Energo-pro, un grupo especializado en enerxía hidroeléctrica, compra XEAL

Este mércores, realizouse a compra por parte da empresa Energo-Pro do 100% das accións de XEAL e Feroe Ventures (a SL madrileña vinculada ao fondo Ithaka que mantiña o control da empresa). O Comité de Empresa recibía un comunicado esta mañá coa nova da venda das dúas fábricas de ferroaleacións de Cee e Dumbría e as dez centrais hidroeléctricas ao grupo empresarial georgiano fundado en Chequia. 

Unha operación que segundo as primeiras informacións rondaría os 300 millóns de euros, cando a compra realizada hai 4 anos estivo nos 170, demostrando o proceso de especulación enerxética.

Un grupo empresarial especializado en centrais hidroeléctricas, xa que opera en 34 centrais de Bulgaria, Georgia e Turquía, e vén de facerse con 10 españolas.
”A adquisición de centrais hidroeléctricas en Galicia enmárcase na diversificación das nosas actividades que ten como obxectivo distribuír riscos macroeconómicos e xeopolíticos. Por primeira vez, atendemos a un dos maiores mercados eléctricos da zona euro, que consideramos prometedor en termos do noso enfoque estratéxico", recoñecía Petr Milev, CEO de ENERGO-PRO Group, este mesmo día 4 nun boletín da empresa.

En que situación quedan as fábricas?

Malia que dende o Comité de traballadores non queren facer declaracións, a tensión é evidente ante calquera movemento. Máis se cabe cando a liña da venda vai encamiñada precisamente cara o que levan denunciando anos: o verdadeiro interese das diversas propiedades é centrarse no negocio hidroeléctrico e ir deixando esmorecer as fábricas, facendo caso omiso da concesión vinculante entre ambas actividades económicas, e á obriga de manter os postos de traballo da fábrica de ferroaleacións.

Porén, a Xunta segue sen actuar a pesar da falta de cumprimento das condicións da concesión pública, ante a baixada da actividade industrial e a merma de postos de traballo, que caeron dende hai 4 anos dos 297 aos 250 (unha peroda de 47 postos de traballo directos e máis de 80 eventuais),

Intencións

Este xoves os novos propietarios manterán un encontro co Comité, no que trasladarán a súa intención de abrir un novo Plan de investimento para os próximos 5 anos. Un Plan que focalizará a atención na “división hidroeléctrica”, pero que incluirá varios investimentos na fábrica, como a automatización da área de colada dos fornos 21 e 22.

A entidade asegura que tamén solicitará as axudas do PERTE de descarbonización

O que tamén deixa claro o escrito da nova dirección é que a empresa vai proseguir a execución de proxectos estratéxicos como a central de Bombeo da Ruña, así como a construción dunha planta de carbón vexetal.

Máis novas de XEAL



 

Comentarios