O servizo de control de pragas de Carballo retirou 380 niños de vespa velutina no que vai de ano
08:15 03/10/17
O servizo de control de pragas retirou 89 niños en Carballo durante o pasado mes de setembro
Ao longo do mes de setembro, o servizo municipal de control de pragas de Carballo retirou un total de 89 niños de vespa velutina repartidos no conxunto das 18 parroquias que forman o concello. As máis afectadas foron Carballo e Sofán, con 19 e 18, respectivamente, mentres que de Aldemunde e Cances só se recibiu un aviso. Ainda así a cifra de avisos descendeu con respecto ao mes de agosto.
Nestes nove meses do ano elimináronse xa en Carballo 380 niños, que superan con creces os 249 retirados en todo o 2016. Carballo é o único concello de Galicia que ten contratado un servizo específico para o control e a retirada dos niños de velutina, e o prazo de resposta non excede das 24 horas. Malia a campaña de trampeo que se levou a cabo na primavera, no verán disparouse a aparición de colmeas, tal como prevían os apicultores locais, que están a traballar estreitamente coa empresa concesionaria.
As vespas utilizan, principalmente, árbores de todo tipo para facer os seus niños, pero tamén frecuentan as zonas urbanas para construílos en tellados, terrazas, balcóns ou alpendres. Aínda que estes son os emprazamentos máis frecuentes, en setembro, como curiosidades, foron eliminados niños dun pé de millo e unha alacena. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, dende onde se poñerán en contacto coa empresa concesionaria para que proceda á súa retirada.
Novas relacionadas
- A loita contra a avespa velutina xa enche ata os auditorios
- Os voluntarios de Protección Civil de Malpica retirou medio centenar de avespa velutina.
- O pioneiro servizo municipal de control de praga de Carballo elimina 118 niños de avespa velutina nun mes.
- “Os Concellos estamos atados para loitar contra a avespa velutina”.
- Agosto 2017: Santa Comba recibe un novo traxe para loitar contra a avespa velutina.
- Maio 2017: Santa Comba aposta polas trampas contra a avespa velutina.
- Marzo 2017: Carballo probou a innovadora trampa de Ernesto Astis para a avespa velutina.
- Xaneiro 2017: Un Modesto repaso aos costumes avespa velutina.
- Xullo 2016: Cee contra as avespas e abellas.
- Outubro 2015: Avespa velutina: Aprendendo a convivir co inimigo.
- Agosto 2015: Outro verán de avespa asiática na Costa da Morte.
- Agosto 14: A avespa asiática chega a Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected])
- Concello de Carballo