Venres. 19.04.2024
El tiempo

Pepe Viyuela: "Dame pánico que o terror se vexa como algo normal"

Pepe Viyuela: "Dame pánico que o terror se vexa como algo normal"

Pepe Viyuela. Foto: Enrique Cidoncha Pepe Viyuela (Logroño, 1963) encabeza o cartel da Gala Solidaria en apoio a Palestina que se celebra este luns no Auditorio Casa da Cultura de Cee. Viyuela é humorista, pallaso, actor e poeta, facetas ás que lle hai que sumar o seu labor solidario, que desenvolve desde hai 25 anos na ONG Payasos Sin Fronteras, da que é vicepresidente. Di que o humor é a mellor boa ferramenta para aliviar o estado psicolóxico e traumático dos nenos e nenas que viven en situación de guerra. "A eses cativos sempre lles queda un recordo e unha imaxe de esperanza", afirma. Falamos con el.

  • QPC: Chegas a Cee para participar nunha gala na que se recadarán fondos en favor dos refuxiados palestinos. Como valoras esta iniciativa?

Lamentablemente como necesaria. Oxalá non fixera falta, pero a situación que vive o pobo palestino é tráxica. Hai que facer algo, calquera cousa será benvida. O ataque que está sufrindo esta xente denota crueldade, egoísmo e moita falta de ética. Paréceme que estamos mirando cara outro lado. É un ataque directo non só á dignidade, senón tamén á saúde e á integridade de todo un pobo. É algo moi salvaxe. A xente chega a interiorizar que o normal é iso, un conflito que cada vez vai a peor. Como que xa nos acostumamos ao terror. É unha situación que non sei como temos o valor de soportar vivir con isto na Terra. Dáme pánico que o terror se vexa como algo normal.

  • QPC: Cal é foi o teu primeiro contacto coa causa solidaria?

Comecei a traballar como pallaso na ONG Payasos Sin Fronteras hai 25 anos. Foi cando empecei a viaxar e a coñecer de cerca realidades que sabía delas a través de lecturas de libros, xornais ou información que vía de cando en vez na televisión. Descubrín que podía axudar a través da miña actividade como pallaso. Cando xa coñeces de primeira man a súa situación, xa non te podes despegar. Poslle cara e voz a esa xente, e é algo que non che marcha da cabeza.

Deixar que ocorra unha vexación coma esta en determinada parte do mundo, estanos deixando a todos bastante mal
  • QPC: Es vicepresidente de ONG Payasos Sin Fronteras coa que participaches en proxectos de clown e risoterapia entre os nenos e mozos refuxiados palestinos. Como está alí a situación?

Paréceme unha situación vergoñenta, no sentido de que Occidente siga mirando cara outro lado. A situación de represión e abusos en Cisxordania xa é bastante dura, pero en Gaza vívese como nunha presión. Son dous millóns de persoas pechadas nunha franxa de terra estreitísima, sometidos a un bloqueo de alimentos e menciñas. Agora, a retirada de fondos por parte dos Estados Unidos ameaza a vida de moita xente. Non se ten nin a máis mínima empatía cara á poboación palestina. Logo tamén está o pensamento que impera na mente de moitos cidadáns israelís de considerar aos palestinos persoas de segunda que non teñen dereito a nada. E desde ningún sitio se está facendo nada para intentar cambiar ou mellorar esta situación. Tamén o apagón informativo dos medios de comunicación, o cal me parece terrible e dunha falta de ética tremenda. Deixar que ocorra unha vexación coma esta en determinada parte do mundo, estanos deixando a todos bastante mal. Nin sequera sei como somos capaces de durmir. Habería que rematar xa coa situación de miseria e represión do pobo palestino.

Alí o dereito á risa está moito máis ligado á esperanza
  • QPC: Neste sentido, cres que o sentido do humor é a mellor ferramenta para traballar contra esas inxustizas?

Eu é o que podo facer. Son pallaso, e é a ferramenta que teño para intentalo. Si que me parece que é unha boa forma de denuncia e, por outro lado, de aliviar o estado psicolóxico e traumático que viven moitos dos nenos desas zonas. Tamén son consciente de que non chegamos moi lonxe, senón a moi pouca xente. Pero creo que unha das cousas que aprendín co paso do tempo é que, aínda que o que faga non sexa moi decisivo, si que merece a pena porque hai quen o segue agardando. A eses cativos sempre lles queda un recordo e unha imaxe de esperanza, de que alguén os escoita e non están sos. Creo que é importante manter esa dignidade e que entre todos nos apoiemos cando alguén o está pasando tan mal. Eu mentres teña forza, fareino. Digamos que alí o dereito á risa está moito máis ligado ó dereito á esperanza.

Gardo un recordo moi especial dos dez anos que pasei en Aida

Foto: Alberto Di Lolli.

  • QPC: Entre os teus papeis máis coñecidos como actor de cine televisión están o de Chema en Aída e Filemón en Mortadelo e Filemón. Que recordos gardas daquel tempo?

Para min non son pasado, segue estando moi presentes. Non o considero un tempo perdido, senón que é algo que me segue alimentando. Gardo un recordo moi especial dos dez anos que pasei en Aida. Ademais, que tiven a sorte de compartir a experiencia con amigos e compañeiros moi ben. O de Mortadelo e Filemón foi un verdadeiro agasallo para min, xa que puiden levar á pantalla o personaxe que seguín durante toda a miña infancia.

  • QPC: Actualmente vémoste na serie 'Matadero' de Antena 3. Algún outro proxecto en mente?

Acabamos de estrear ‘El silencio de Elvis’ no Teatro Infanta Isabel de Madrid, e teño outro par de proxectos teatrais para máis adiante. Tamén colaboro na gravación de varios documentais  e nun filme de cara a tempada que vén.

  • QPC: Xa visitaras a Costa da Morte ou esta é a primeira vez?

Si estiven, traballando ou de paso nalgunha das miñas vacacións. Pero non é un lugar que coñeza moito así que veño con ganas.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/pepe-viyuela-achegase-a-costa-para-unha-nova-gala-en-solidariedade-con-palestina/

Comentarios