A praga do picudo vermello pon en perigo a superviviencia das palmeiras do sur da Costa da Morte
Un dos iconos máis simbólicos da emigración galega (da volta tralo éxito acadado durante décadas na diáspora), máis ou menos respectado, corre perigo de desaparecer en boa parte do sur da comarca. A praga do picudo vermello leva máis de 2 anos arrasando coas palmeiras de boa parte da zona, se ben sábese que son máis de 8 anos que leva instalado no noso país.
As cifras de Muros son tremendas: quedan vivas 6 das 35 que había en todo concello. As últimas foron eliminadas de Louro hai apenas 15 días.
Este escaravello vermello (Rhynchophorus ferrugineus), orixinario da Asia tropical, acabou tamén con 17 palmeiras en Carnota, onde apenas que dúas municipais, afectadas e en tratamento, e outra dun particular aínda por analizar, como nos explica Juan Ramón Santiago. Santiago, membro da Comunidade Montes Louro, e responsable da empresa especializada Hábitat Servizos, leva anos alertando desta praga, e lamentando a falta de implicacións dunhas administracións que nin están nin se lles espera.
Á esquerda, unha das últimas palmeiras arrincadas en Louro. Á dereira, unha afectada, en Louro, polo picudo vermello.
A praga vai subindo. Tamén afecta a unha das dúas palmeras que hai no paseo marítimo do Ézaro. “Xa tivemos que inxectarlle material contra a plaga fai tres meses”, recoñecen dende o Concello de Dumbría. Este xaneiro tocará inspeccionala de novo.
Se ben en Fisterra non hai alerta, en Corcubión xa contamos que o picudo ameaza as simbólicas palmeiras da praza Castelao se non se toman medidas.
Tratamento
Precisamente Santiago defende que hai tratamento, e que funciona. “Estas levamos un ano tratando as e recuperaron bastante ben, con novos brotes”, explica son algúns exemplares que están coidando en Muros.
Palmeira antes e despois do tratamento contra o picudo vermello
Boas e malas prácticas
En calquera caso, os especialistas recomendan a eliminación das palmeiras infectadas se o dano é irreparable, para evitar a transmisión a outros exemplares. O que non se pode facer, é deixar as podas de palmeiras eliminadas ciscadas polo monte, porque “así o único que facemos é espallar o bicho”, explica Santiago en relación a unha fotodesfeita que nos enviaba o mes pasado.