Primeiras citas para un Samaín terrorífico na Costa da Morte
Este martes 31 de outubro a comarca celebra o Samaín. A previa do sentido Día de Defuntos cada ano mantense vivo gracias á implicación das escolas de todo o país, así como dos Concellos e as súas Bibliotecas, e tamén as Asociacións.
Facemos esta primeira colleita de actividades que nos traen para estes días.
Samaín do Casteliño
Este sábado 28 de outubro, a Asociación Praia do Castelo prepara un divertido Samaín no cine de Carcamán. Haberá música dende as 18:00h e moitas cousas para rir e morrer de medo. Para os máis peques haberá chocolate, castañas e xogos populares ata as 21h.
Podes mercala túa entrada na taquilla o día do evento por 10€.
Martes de Maxia en Camariñas
Este Samaín déixate sorprender polos arrepiantes trucos do mago Cayetano Lledó no seu espectáculo 'Máxico Deluxe'. A cita, o martes, 31 de outubro, na Casa de Pedra, ás 19 horas.
Obradoiro en Laxe
Este martes, día 31, ás 17 horas dará comezo o Obradoiro de Cabazas no Local Social Valle Inclán. Cada persoa que queira asistir, deberá levar a súa propia cabaza, para decorala e para o
posterior Roteiro Terrorífico, que se levará a cabo a partir das 19 horas. Estará animado musical e teatralmente e a saída será desde a Casa do Concello. Ao remate realizarase o Acendido de Cabazas, previamente decoradas, para culminar esta xornada.
Mércores para a mocidade en Carballo
Se tes de 12 a 16 anos, este 1 de novembro vas pasar moito medo. A Concellaría de Mocidade organiza unha festa de Samaín para adolescentes na que contaremos cos ingredientes necesarios para que goces coma nunca do festivo que temos ás portas: sesión musical con dj, cócteles sen alcohol, obradoiro de maquillaxe de caracterización, posadoiro e mesmo un castañeiro!
A cita será de 19.00 a 21.30 horas na planta alta do mercado municipal, e hai 100 prazas, así que podes vir con todas as túas amizades. E todo de balde! Como aínda es menor de idade, pide na casa que te inscriban, ou ben enviando un correo cos teus datos a [email protected] ou ben cunha mensaxe de Whatsapp ao 604 048 341.
Sardiñeiro incide no Haloween
Se a maioría de entidades fan o posible por promocionar o Samaín, a Asoc. Veciños de Sardiñeiro inciden no Haloween, e invita a unha xornada de castañas e inchables, música e xogos. Será o 1 de novembro a partir das 16:30 no Polideportivo de Sardiñeiro.
Contos, obradoiro de Samaín, magosto e música nas Torres do Allo
As Torres do Allo tiñan prevista un Samaín e magosto para o sábado 28, pero as previsións meteorolóxicas obrigan a adiar a cita para o domingo 5 de novembro. Será unha cita completa, que comezará ás 16:00h da tarde cunha actividade para público familiar da man de María da Pontragha e o seu espectáculo “Non teñas medo á morte”, onde todas as persoas asistentes poderán morrer coa risa, chorar coa risa e tamén rir coa morte, a través dunha contada festiva e alegre na que non haberá tempo de laiarse nin choromicar.
Continuarase ás 17:00h. cun obradoiro especial de samaín titulado “escenas terroríficas”, para nenos e nenas de 4 a 12 anos no que poderán recrear as súas propias escenas de medo no pazo a través dun divertido xogo óptico. (Para participar será preciso inscribirse previamente nos Centros Socioculturais de Zas ou Baio (981 751 398 / 981 718 056) ou no mesmo correo das Torresdo Allo ([email protected]). As prazas serán limitadas).
A partir das 18:00h da tarde celebrarase o tradicional magosto do Allo, acompañado de música a cargo dos Os Enxebres de Cabana e Gaiteiros e pandeireteiras de Churía. Haberá castañas gratuítas e cantina con bebidas para todas as persoas que se queiran achegar ata as Torres do Allo.