O PSOE critica que os Orzamentos da Xunta “non inclúan partidas para rematar a Autovía”

Tralas diferentes valoracións do PP comarcal e máis do BNG, tócalle ao PSOE da Costa da Morte amosar o seu parecer sobre a proposta de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025.
Os socialistas da Costa da Morte consideran “decepcionantes” os orzamentos da Xunta. “A comarca da Costa da Morte é un ano máis a gran esquecida por parte da Xunta, que ademais afoga aos concellos con competencias impropias”, sostén Patricia Iglesias, deputada responsable da Costa da Morte no grupo dos socialistas no Parlamento de Galicia.
“As contas autonómicas tampouco recollen melloras no Hospital de Cee nin partidas para rematar a autovía AG-55, que segue igual desde a época de Touriño, ou eliminar as súas peaxes”, engade.
“Ningunha das demandas do PSOE da Costa da Morte teñen cabida nas contas da Xunta para mellorar as infraestruturas e servizos da comarca”, remata.