Venres. 26.04.2024
El tiempo

Que é o turismo?

Que é o turismo?

Calquera parece saber a que se fai referencia ó falar de turismo pero non me resulta nada raro percibir as dificultades que presenta esta definición. Incluso diría que existe unha idea xeral, habitualmente asociando “turismo” a “viaxes por pracer”, que non acaba de ser correcta.

Se o penso detidamente, a maior das dificultades seguramente estea en distinguir a amplitude de factores que compoñen este campo, dotándoo dunha especificidade que outros non teñen. A esta amplitude hai que sumar o feito de que os estudios sobre turismo son relativamente recentes, polo menos comparados coas matemáticas, a xeografía ou a menciña, que foron campos analizados dende tempos remotos. Pero se ademais engadimos a variedade de autores e teorías existentes ao respecto non é estraño que a dificultade terminolóxica aumenta decididamente.

Para resolver a cuestión centrareime na definición que da a Organización Mundial do Turismo (OMT), que é o máis alto organismo internacional na materia, e di:
O Turismo comprende as actividades que realizan as persoas durante as súas viaxes e estancias en lugares distintos ao seu entorno habitual, por un período de tempo consecutivo inferior a un ano, con fins de ocio, por negocios e outros fins distintos ao de exercer unha actividade remunerada no lugar visitado.

Esta definición da OMT, de marcado carácter económico, apunta que o turismo comprende o conxunto de actividades producidas por determinados desprazamentos das persoas, establece un período temporal, e manifesta claramente o seu carácter complexo e heteroxéneo, condicionado fundamentalmente pola diversidade das motivacións que o provocan.

E do concepto “turismo” dedúcese, non poucas veces, que os turistas son as persoas que participan no turismo, pero esta, permítanme a sinceridade, non é máis que unha verdade a medias. As persoas que participan no turismo son os visitantes. Dentro deles están, por un lado, os turistas que son os visitantes que pernoctan e, por outro lado, os excursionistas que son os visitantes que están no lugar menos de 24 horas e non pernoctan.

Esta aproximación conceptual axuda a deducir que o turismo é un sector manifestamente complexo. Non pretendo afirmar que del se faga unha excesiva simplificación, pero si sosteño que a súa complexidade suscita certos graos de confusión. Para superalos, considero importante reflexionar sobre o feito de que calquera planificación turística que careza dun enfoque teórico acertado terá obxectivamente comprometida a súa eficiencia futura, e esta vez si... por pura lóxica!

  • María José Mato Figueiras, Técnica de Turismo e Guía turístico-medioambiental do Concello de Laxe.
 

Comentarios