Unha ollada aos completos cursos de Soldadura, Hostalería e Electricidade do Forum Carballo
09:32 28/09/15
Cursos de Hostalería, Electricidade e Soldadura do Forum Carballo
Impresionante ver de primeira man como funciona o servizo de formación do Fórum Carballo. O centro acolle tres Accións Formativas para Desempregados (AFD) nas que participan un total de 45 persoas que comezaron o curso o 20 de xullo e rematarán a finais de novembro.
Membros do equipo de goberno achegáronse ao centro para comprobar o desenvolvemento dos cursos, de soldadura, electricidade e hostalería.
O percorrido comezou no curso de soldadura oxigás e MIG/MAG, unha especialidade na que o centro carballés xa é unha referencia pola excelente dotación das instalacións e pola calidade da formación que reciben os/as asistentes ao longo das 618 horas que abrangue esta acción formativa. Evencio Ferrero interesouse especialmente polo funcionamento do avanzado simulador de soldadura adquirido o ano pasado e que permite mellorar aínda máis a formación.
No curso de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións, que inclúe 398 horas de formación teórica e práctica, o monitor explicou aos membros do goberno municipal o proceso de aprendizaxe, que comeza con instalacións básicas e remata con domótica.
A última parada da xornada foi na Escola de Hostalería, na que está a desenvolverse un curso de servizos de restaurante de 598 horas de duración, e na que os alumnos e alumnas realizaron unha pequena demostración práctica dos coñecementos adquiridos ata o momento.
Xornada de portas abertas
Precisamente na Escola de Hostalería celebrarase o vindeiro mércores, 30 de setembro, unha xornada de portas abertas especialmente dirixida a empresarios do sector, da distribución de alimentación e bebidas e da nutrición, a asociacións de todo tipo e ao público en xeral. A xornada comezará ás 11.30 horas cunha breve presentación da escola, dos cursos que se levan a cabo nela e do propio Fórum Carbalo. Os/as participantes realizarán unha visita guiada ás instalacións e asistirán a unha corta á vista de xamón ibérico e degustación de viño. Os cursos AFD, subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar, tamén inclúen prácticas en empresas, módulos transversais sobre formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización medioambiental, creación de empresas e prevención de riscos laborais. Todas estas accións formativas levan aparellada a obtención dun certificado oficial de profesionalidade.Novas relacionadas
Fonte
- Concello de Carballo.