O Proxecto Youtubeir@s recibe o Premio Mil Primaveras da CTNL
O prazo para inscribirse no concurso 'Youtubeir@s' permanece aberto até o 27 de setembro
O Proxecto Youtubeir@s (organizado polos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua) vén de recibir o Premio Mil Primaveras, na categoría de proxecto máis innovador. Recoñeceuno así o xurado -que fixo público no día de onte a súa decisión- ao ver en Youtubeir@s unha iniciativa que aborda “un medio prioritario para o futuro do idioma”, xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da plataforma Youtube xera “unha grande atracción na xente nova”. O xurado, ademais, sinalou que o proxecto “favorece que as persoas que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en Youtube”.
Os Premio Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso coma o seu prestixio. A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira edición, amosa a súa gratitude por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro. “É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña”, sinálase dende a organización ao tempo que se destaca este elemento “fortemente colaborativo dende as institucións” como “unha característica fundamental” da iniciativa.
Tal e como apunta o xurado, Proxecto Youtubeir@s representa unha iniciativa innovadora que, dende o punto de vista da organización, “conecta coa mocidade e capta a súa atención empregando os seus mesmos códigos comunicativos”, o cal significa “unha clara adaptación aos novos tempos”. Por último, a coordinación do proxecto admite que un recoñecemento como o que a CTNL lle outorga a Youtubeir@s, garante “unha gran visibilidade” á hora de achegarse a máis público.
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, unhas das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.