Martes. 08.10.2024
El tiempo

Xa hai datas para a ruta gastronómica de Carballo por Etapas

Xa hai datas para a ruta gastronómica de Carballo por Etapas
Os hostaleiros mantiveron onte unha reunión con membros de Axober e do concello de Carballo Os hostaleiros mantiveron onte unha reunión con membros de Axober e do concello de Carballo Unha das rutas gastronómicas, tan de moda ultimamente, máis importantes da Costa da Morte xa ten datas. O Carballo por Etapas, organizado pola Concellería de Promoción Económica do concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños  -Axober - celebrarase os días 27, 28 e 29 de maio, e 3, 4 e 5 de xuño. Onte á tarde tivo lugar a primeira reunión co sector da hostalería, na que estiveron representados 12 locais. Por parte do concello asistiu a técnica de Turismo do Concello, Maite Parga, mentres que por parte de Axober estiveron presentes o presidente, Isidro Varela, e o secretario, Raúl Cantorna. A cifra de locais incrementarase nos vindeiros días, por unha banda porque xa expresaron o seu interese en participar hostaleiros/as que non puideron acudir á xuntanza de onte, e, por outra, porque o prazo de incorporación segue aberto. As persoas interesadas poden dirixirse a Axober, situado na rúa Fomento, 21-23, ou chamar ao número de teléfono 981 756313 polas mañás. Carballo por Etapas manterá o esquema das edicións anteriores. Os locais participantes elaborarán tapas específicas para o evento que servirán os venres pola tarde-noite e os sábados e domingos tanto a mediodía coma pola tarde. Os horarios tampouco varían, de xeito que as tapas estarán dispoñibles como mínimo de 12 a 14 e de 20 a 22 horas. O que si cambia é o prezo, que pasa a 1,50 € por tapa. Carballo por Etapas manterá os seus distintivos, como o tren turístico, que fará a ruta polos locais participantes, ou os sorteos de tapas, gorras, camisetas e outro material promocional. Tamén están mans á obra os hostaleiros de Vimianzo coa nova edición dos Pinchos Irmandiños que se celebra xunto co Asalto ao Castelo, que este ano será o 2 de xullo. Non haberá que esperar tanto para a ruta das tapas de Laxe, que terá lugar entre os días 18 e 2o de marzo.

Novas relacionadas

Fonte

 

Comentarios