Sábado. 27.04.2024
El tiempo

De xeira pola Costa da Morte para lembrar ao Seminario de Estudos Galegos

Corcubion historica.Foto-Ramon Caamano
A xente do SEG parou en Corcubión. Foto: R. Caamaño
De xeira pola Costa da Morte para lembrar ao Seminario de Estudos Galegos

Vai rematando este 2023 e con el vaise tamén o ano no que celebramos o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Na Costa da Morte, agás un acto en Baio o 17 de xullo promovido polo Museo do Pobo Galego e coa inestimable colaboración do concello de Zas, non houbo máis iniciativas. E a Costa da Morte tivo a súa presenza no SEG.

O Seminario de Estudos Galegos

Hai cen anos un grupo de mozos estudantes fundaban en Compostela unha institución importante para a nosa cultura e para o noso país: o Seminario de Estudos Galegos. A falta de institucións propias creadas desde as administración públicas, sería a sociedade civil a que erga esas institucións precisas cara a unha normalidade de país. Primeiro foi a Real Academia Galega para defender o idioma que falaba o pobo, aínda que esa defensa fose desde o castelán; despois, o SEG e máis recentemente o Museo do Pobo Galego. As tres institucións creadas desde a base social para podermos ter estruturas culturais propias que defendan o noso xeito de estarmos no mundo.

Hai cen anos, como tamén hai cincuenta ou algo menos, na Universidade a nosa especificidade cultural non tiña cabida. Non había unha implicación na defensa da lingua e da cultura. Ademais, chegara unha ditadura, a de Primo de Rivera, polo que as liberdades estaban condicionadas. Mais tamén había un pouso que daba ánimo, como había un pouso de rebeldía. Así, podemos falar das conferencias sobre Prehistoria dadas polo arqueólogo alemán Hugo Obermaier que animaron o mundo arqueolóxico, ou a presenza na Universidade compostelá de Lluís Pericot, outro arqueólogo que traía novos aires para este saber e quen escavou con Florentino López Cuevillas no castro de Troña; como había unha sociedade que protestaba contra os abusos dun sistema inxusto, estando fresco o levantamento de Sobredo (Tui) contra o pago dos foros, onde houbera tres mortos e varios feridos.

Neste contexto un grupo de mozos universitarios deciden que é importante coñecer o propio, facer visible e potenciar a nosa cultura, defender a lingua, usándoa en todos os ámbitos, en privado e en público, falándoa e escribíndoa. E para coñecela, tanto a lingua como a cultura, había que estudalas e difundilas para dignificalas. Só coñecendo se pode apreciar, se pode querer. O descoñecemento xera desconfianza, rexeitamento e odio.

Estes mozos, algúns aínda adolescentes (16 anos tiña Ramón Martínez López, o máis novo; 17 Filgueira Valverde ou Lois Tobío), xúntanse interesados por encher un baleiro que a Universidade non enchía. Nese grupo estaba tamén Francisco Romero Lema. Era de Baio e tiña 20 anos.

O SEG nace nunha xuntanza na casa do catedrático Armando Cotarelo Valledor, próximo a estas inquedanzas. Mais, simbolicamente, a constitución faise peregrinando o 12 de outubro á casa onde se criara Rosalía de nena, no Castro de Ortoño. Buscaron así un referente simbólico importante: en Rosalía como mito fundacional. Se buscaba engarce nunha tradición. No seu ideario a tradición mostraba seguridade, estabilidade, permanencia, continuidade histórica, ser dun sitio para estar no mundo.

O SEG nace adscrito á Universidade e tiña como finalidade dedicarse ao estudo de todas as cuestións que afectan á vida de Galicia, xuntando os diversos esforzos individuais nun labor común. Tiña que ser un centro de investigación e divulgación, así como de formación de investigadores, tanto de ciencias sociais como das experimentais. Unha entidade que tiña que centrarse na cultura, como na realidade do país. Traballar, investigar, estudar, para coñecérmonos e que nos coñezan. Teño escoitado varias veces a don Antonio Fraguas dicir que todo o que eles facían era por e para Galicia. Tiñan, como dicían, unha angueira común: Galicia.

E non era unha entidade centrada só nas humanidades, tamén querían investigar para mellorar a vida dos galegos e galegas, por exemplo, preocupados polas pragas que afectaban ao campo, ou a mellora da produción.

Formaron parte do SEG estudantes, profesores e os mellores intelectuais da órbita do galeguismo. Uns compartían cos outros as inquedanzas e saberes. Todos fixeron un traballo de investigación e difusión da nosa cultura. Encheron un baleiro que a Universidade non facía.

O Seminario de Estudos Galegos na Costa da Morte

Para ser do SEG había que presentar e ler un traballo. Romero Lema, que estaba no grupo fundacional, parece que non o fixo. Si o fixeron os muxiáns Xulio Balboa López, quen ingresa en 1925 co traballo “Muxía: o santuario da Barca e a pena de Abalar” e do que non temos máis referencias; tamén o seu curmán Gonzalo López Abente, quen no acto de recepción en 1926 leu poemas da súa autoría. Don Antonio Fraguas contárame que lembrábao ver en varias reunións do SEG. Tamén era de Muxía Xosé Toba Fernández, mestre e profesor na Escola Normal. Foi director da Escola Normal Anexa e concelleiro en Compostela pola Fronte Popular. Tras o golpe de estado foi expulsado do maxisterio.

Tres muxiáns no SEG, que xunto con Romero Lema e Isidro Parga Pondal, “renovo bon de Bergantiños” como del dixera Otero Pedrayo na súa “Estadea”, conformaron a nómina da Costa da Morte no SEG.

Muxia foto historica Manuel Vilar
Tres muxiáns formaron parte de SEG

A “Xeira” as Terras de Fisterra

Unha das novidades que trae o SEG son as saídas ao campo na busca directa dos datos, da información. A estas saídas chamábanlle “Xeiras”. Eran saídas de estudo a determinados lugares e ás que ían os membros das diferentes seccións para coñecer e investigar aspectos diversos dunha comarca. Como eran saídas de convivencia. Para coñecer a terra dun hai que andala, dixera Vicente Risco, quen fora o responsable da sesión de Etnografía. A xente do SEG querían coñecer a Terra, e pisárona.

Así, foron á Terra do Deza, onde fixeron campañas durante cinco veráns; á Terra de Melide, da única da que saíu unha monografía con este mesmo título, obra considerada como clásica, como referencial; ás Terras de Lemos e as de O Barbanza. A última, en xullo de 1936 e cando a sublevación fascista estaba xa en camiño, foi a Fisterra, as Terras de Nemancos, Soneira e Bergantiños.

Entenderon esta “Xeira” como preparatoria, como “prospección”, para poder facer outra máis intensa ao ano seguinte e recoller material para unha publicación, mais o levantamento militar aniquilou esta institución e a represión cebouse sobre moitos destas persoas. Segundo Alfonso Mato 77 persoas do SEG foron represaliados (asasinadas, exiliados, expulsados do traballo, perseguidos) tras o levantamento militar.

Despois de saberse o resultado do referendo no que se plebiscitou o Estatuto de Autonomía, colleron un autobús, que tiña un aparato de radio, toda unha novidade, e emprenderon camiño cara á Costa da Morte. Viñeron persoas de varias das seccións, de Prehistoria, de Etnografía, de Arte, Ciencias, Xeografía. Viñeron, entre outros, Vicente Risco, Isidro Parga Pondal, Luís Iglesias, Xesús Carro, Filgueira Valverde, Iglesias Vilarelle, xunto con Ramón Otero Pedrayo, que viña de ser nomeado presidente da institución.

Chegaron a Cee, onde estarían dous días establecidos no Gran Hotel París. Desde aquí foron a Fisterra, onde estiveron con Francisco Esmorís Recamán, a Corcubión, á Pereiriña, Lires, onde o párroco os convidou a café na reitoral despois do xantar e ensinoulles a igrexa que atoparon interesante. Na ría estaba un barco alemán coa bandeira nazi e falaron coa tripulación grazas a Isidro Parga. Subiron á Moa, onde Vicente Risco e Otero Pedrayo escribiron un poema en alemán dedicado ao xeólogo Isidro Parga Pondal. Esa noite a Coral de Cee ofrécelles un concerto na Fundación Fernando Blanco.

Moraime-Foto-Manuel Vilar
Tamén estiveron en Moraime-Foto-Manuel Vilar

Despois estiveron en Berdeogas vendo a casa gótica, actualmente no abandono; foron a Vilaseco, Quintáns, Ozón, Moraime e Muxía, onde estiveron unha noite e todo un día, acompañados do socio do SEG, Xulio Balboa. Non sabemos se López Abente estaba tamén no grupo de recibimento.

Lopes Abente nunha foto historica
Lopez Abente con outras persoas do SEG

De Muxía seguiron cara á Ponte do Porto, Camelle, Ponteceso, Corme, Mens, Malpica de Bergantiños e Buño. O 18 de xullo estaban visitando o dolmen de Dombate, onde tiraron unha foto de grupo, a última foto da xente do SEG xunta. En Ponteceso foron recibidos por Cesáreo Valdés, sobriño do poeta.

Ponte do Porto 1936-Foto-Portofolio Galicia
Na Xeira de 1936 a xente do SEG parou na Ponte do Porto. Foto: Portfolio Galicia

Na prensa dise que visitaron as escolas para deixar “unha pequena biblioteca galega na que figurarán obras de Castelao, Cabanillas, Otero Pedrayo... e unha seleición de líricos galegos”. Seguramente os primeiros libros escritos en galego que a rapazada podería ler. Cando chegaron a Camelle aínda estaba embarrancado o “Boris Scheboldaef”, un petroleiro ruso, e a veciñanza identificounos como que viñan para desmantelar o que quedaba do barco. En Buño mercaron cerámica para o “Museo” que estaban creando no pazo de Fonseca; tamén é de supoñer que en Muxía ou na Ponte comprarían encaixes que sabemos tiña o “Museo”. As pezas de cerámica hoxe conforman os fondos do Museo do Pobo Galego.

Non sabemos se nesa Xeira estaba Josefa Iglesias Vilarelle, unha das poucas mulleres que pertenceron ao SEG, que foi mestra en Carnota. Ela fora autora do primeiro silabario para ensinar o galego nas escolas.

Hoxe lembramos esa xente e o seu traballo, xente que quixo poñer Galicia no mapa do seu tempo afondando no seu coñecemento e, algúns, pagárono coa vida ou co exilio. Hoxe, como onte, sopran ventos de retroceso nas liberdades e no coñecemento do propio, do noso. Merecen a nosa lembranza, como lembrar o traballo que fixeron para coñecer mellor o territorio que habitamos e termos unha sociedade mellor e máis xusta.

ARTIGOS DE MANUEL VILAR EN QPC

 

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES DE MANUEL VILAR EN QPC

 

SERIE “DE CARNOTA A ASTORIA”

Comentarios