Mércores. 19.01.2022
El tiempo

A fonte da Santiña de Trasufre

Fonte de Trasufre
A fonte da Santiña de Trasufre

Vén o Concello de Muxía de acondicionar a contorna da fonte da Santiña de Trasufre. Fun vela nun deses días chuviosas de decembro. Aproveito a ocasión para contar algo da súa historia. Algunhas cousas xa dixera en dúas anteriores colaboración neste mesmo medio amigo. Aproveito tamén para dicir que me alegro de que se interveña no patrimonio etnográfico, mais penso que non é preciso tanta monumentalidade urbana nunha contorna onde o importante é o valor simbólico e a memoria acumulada.

 A historia da fonte

A primeira referencia a esta fonte aparece no libro de fábrica do santuario en 1887. A fonte faise no momento no que esta romaría colle importancia no mapa romeiro da vella Terra de Nemancos, momento no que tamén se amplía o santuario e se fan outras obras, como a ponte sobre o río Castro feita en 1880 e grazas ás rendas do santuario.

E todo santuario ten que ter a súa fonte. Esta situábase ao lado do camiño que ía a Calo, agora queda por debaixo da estrada que vai a este lugar veciño, pero xa da parroquia de Vilastose. 

O párroco, Antonio García Arjomil e natural de Chorente, fai referencia a ela como fonte “del Espino y santa Margarita” cando  relata os gastos da súa feitura: os xornais de dous canteiros para buscar a mina, a pólvora para barrenar, o pago dos albaneis que a ergueron, os peóns en mover a terra e outros gastos sen especificar. O curioso é que o crego recalca por dúas veces que a fonte está “aun por concluir”, que non se rematara aínda nese ano de 1887. Mais as contas foron revisadas polo representante do arcebispado quen as atopa excesivas e con moitos conceptos sen aclarar, chamando a atención ao párroco por facer a fonte sen licenza dos seus superiores.

Sería este toque de atención o que levou a que os gastos da fonte desaparezan do libro de contas ao ano seguinte e a dea xa por concluída. Non saberemos máis dela até 1933 en que se amaña de novo.

A fonte ten un fornelo do que desapareceu, non sabemos cando, a imaxe que tiña. Segundo me contaron veciños e o párroco Manuel Canosa, o fornelo coa imaxe estaba situada no peitoril no medio da ponte sobre o río Castro no lugar do Muño de Agar e, seica, tiña un cepillo onde os que pasaban a ponte podían deixar unha esmola. Non todos querían deixar esmola para esta advocación mariana, habíaos que querían coller as moedas. Mais a caixa dos cartos debía estar ben segura e os intentos de roubo non lograron, alomenos nalgúns casos, marchar co recadado, polo que a vinganza foi coa imaxe que acabou no leito do río seica en varias ocasións. Isto levaría ao párroco, non sabemos cando, a sacala da ponte e colocala na fonte, de onde acabou desaparecendo.

“Había, si señor, pero non ta. Donde vai? Non sei!”

Díxome unha veciña de Trasufre xa hai máis de vintecinco anos cando facendo o traballo de campo sobre esta romaría lle preguntei pola imaxe do fornelo.

O valor simbólico

 “A Santiña era das verrughas [...] tiñas verrughas e ´ofréçete á Satiña de Trasufre`”, é unha frase anotada naqueles anos, neste caso dunha veciña de Toba. E para limpar as verrugas os romeiros e romeiras, despois de visitar o santuario, van á fonte para lavalas. Hai quen di que se fai mollando o  pano da man e logo refregan a zona onde están as verrugas. Outros, que se lavan antes e despois pásanlle o pano para secar. Onde si hai acordo é que logo hai que deixar a secar o pano na silveira, mais agora a silveira está rozada.

O romeiro bebe ou lávase con esa auga porque entende está impregnada do sagrado e forma parte dos rituais que conforman acudir á romaría. A auga é especial porque brota nun lugar especial e esa especificidade venlle dada por formar parte do espazo do santuario.  Lavarse na fonte dun santuario é un rito de purificación, neste caso para limpar as verrugas. A capacidade de curarse está admitida por unha experiencia e práctica acumulada ao longo de varias xeracións, é tradición, ten sentido nese contexto de pertenza a unha comunidade, na confianza que dá sentirse integrante dun grupo. Á fonte é un lugar asociado á memoria da xente, é un lugar  da nosa memoria como sociedade. Nisto radica a súa monumentalidade e a súa beleza, non no enlousado de cores.

Artigos de Manuel Vilar en QPC

 

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES DE MANUEL VILAR EN QPC

 

SERIE “DE CARNOTA A ASTORIA”

comentarios