Martes. 12.11.2019
El tiempo
18:07
23/03/12

A peregrinación de George Grisaphan: de Fisterra a Irlanda

A peregrinación de George Grisaphan: de Fisterra a Irlanda

O cabaleiro maxiar George Grissaphan tivo unha mocidade de aventuras guerreiras e atrocidades, como participar no saqueo dunha aldea italiana e dar morte a máis de 300 persoas. Unha noite o remordemento non o deixa durmir, polo que á mañá seguinte decide abandonar aos seus compañeiros de armas e dirixirse a Avignon para que o Papa o aconsellase como se pór a ben con Deus. Debeu recomerdarlle peregrinar a Compostela, pero Grissaphan non debeu quedar satisfeito e na catedral pregunta por un lugar adecuado onde levar unha vida de eremita. Seica lle recomendaron San Guillerme, cerca da igrexa de “Santa María de Finistierra”. E até alí camiña o noso peregrino en 1355.

En Fisterra permaneceu uns cinco meses de retiro e oración, seguindo un réxime alimentario de pan e auga. Parece que co tempo a popularidade deste eremita medrou e a xente ía velo en manadas, polo que decidiu abandonar o lugar e buscar outro máis tranquilo. Volve a desandar o camiño, atravesa Francia e diríxese a Irlanda, ao extremo noroeste, para chegar ao Purgatorio de San Patricio, situado no lago Lough Derg, no condado de Donegal.

Lough Derg é unha paisaxe cun encanto especial, cunha luz tensa, illado do resto do mundo e onde se respira silencio e espiritualidade. En gaélico Lough Derg significa “lago vermello”. No medio do mesmo hai uns pequenos illotes, un deles chámase Station Island e contan que foi aquí onde San Patricio, despois de días de penitencia e oración, guiado polo mesmo Xesús baixou por unha gruta e entrou no purgatorio. Pedíralle a Deus unha proba para mostrarlles aos irlandeses, que tentaba converter ao cristianismo, que había un lugar no máis alá para premiar aos bos e outro para castigalos. San Patricio viu alí o sufrimento dos pecadores e a dita dos xustos camiño do máis alá. A entrada á cova quedou entón pechada e só se abría para aqueles que o desexasen ferventemente.

Esta lenda é recollida no século XII no Tractatus de Purgatorio Sancti Patricii e ampliada co relato dun cabaleiro, chamado Owein, quen seica logrou entrar na cova e regresar para contar as penurias dos pecadores e as ledicias dos bos cristiáns que alí viu. O texto circulou por Europa adiante e foi traducido a varios idiomas, popularizando este lugar. Logo aparecerán os relatos de Grissaphan, do catalán Ramón de Perellós (1397) e outros de peregrinos franceses, húngaros ou italianos. Estes relatos non só espallaron a fama do Purgatorio de San Patricio, senón tamén influíron no imaxinario europeo e cítanse como textos precedentes da Divina Comedia.

A peregrinación de Ramón de Perellós é un caso curioso. Perellós, de orixe nobre e educado na corte de Francia, estaba ao servizo do rei aragonés Xoan I cando este foi asasinado nunha cacería en circunstancias pouco claras. Perellós estaba no club dos sospeitosos. Entón decide peregrinar ao Purgatorio de San Patricio para entrevistarse co rei morto e poder limpar o seu nome. O seu relato está considerado como unha das mellores descricións da Irlanda dese tempo. Na súa experiencia en Lough Derg atopouse non só co rei, senón con varios familiares e amigos que estaban vivos cando deixara o seu país e agora viunos alí, uns no "camiño da salvación", outros sufrindo tormentos, como seu irmán Francisco por mor de que secuestrara unha monxa dun convento.

Coa reforma luterana a decadencia chega a Lough Derg, especialmente durante o reinado de Isabel I. Lough Derg era un exemplo da repelente superstición católica, polo que a entrada á cova foi entullada, o mosteiro abandonado e arrasado o sitio, tanto que hoxe non queda ningún resto dos tempos medievais. A finais do s. XV un monxe holandés dixo que esta peregrinación era unha fraude e que a cada momento lle pedían diñeiro. Como consecuencia do seu informe o papa Alexandre VI mandou pechar a cova, cousa que si farían despois as autoridades eclesiásticas anglicás.


Mais esta decadencia non supuxo a total desaparición do Purgatorio de San Patricio do imaxinario europeo. Só aquí entre nós Pérez de Moltalbán escribiu Vida y purgatorio de San Patricio, Lope de Vega El mayor prodigio o el purgatorio en vida, Calderón de la Barca Comedia famosa del Purgatorio de San Patricio, Juan García de Torres El purgatorio de San Patricio: novela fantástica, e Benito Feijoo trata o tema no seu Teatro crítico universal, aínda que faino para criticalo.

Sería a finais do s. XVIII cando se empece a volver de novo a Lough Derg e a levantar o seu templo e outras dependencias para os peregrinos que, desde entón, ían chegando.





A peregrinación hoxe


Na actualidade Lough Derg é un dos máis importantes centros de peregrinación en Irlanda, xunto a Croagh Patrick (a montaña de San Patricio) ou o santuario mariano de Knock. Sobre unhas 20.000 persoas acoden cada ano a este lugar entre o 1 de xuño e o 15 de agosto, que é o tempo en que o acceso á illa está permitido. A estancia é de tres días de xaxún e oración. Só se sirve unha sinxela comida ao día composta de torrada e torta, auga (collida do lago e fervida, servíndose quente e denomínase "viño de Lough Derg") e te negro ou café.

Ao chegar os peregrinos teñen que quitarse os zapatos e os calcetíns. Os pés teñen que estar descalzos durante a estancia no lugar. Despois diríxense á capela onde empezan os rezos. Ás dez da noite do primeiro día empeza unha vixilia de 24 horas, onde o peregrino ten que permanecer todo o tempo esperto e acudindo á misa pola mañá e pola tarde, rezando varios rosario e o rezo das estacións do vía cruce e innumerable pais nosos, salves e credos. Todos estes rezos fanse dentro no templo e fóra do mesmo, ao pé do lago ou nas denominadas "camas penitenciais", semellantes a unha casa castrexa cunha cruz no centro e co nome dun santo, case todos irlandeses. O último día o peregrino ten que levantarse antes das seis da mañá para seguir cos rezos e misa antes de deixar o lugar sobre as dez.

Hoxe podemos entender esta peregrinación como unha adaptación moderna da vida anacoreta durante un período curto de tempo. Como en toda peregrinación hai un desprazamento, nesta ocasión faise en barco até unha pequena illa no medio dun precioso lago; hai un retiro da vida normal, neste caso o peregrino reclúese nunhas dependencias especiais para a ocasión, deixando atrás o mundo ordinario, quitándose os zapatos, non comendo e entregándose á oración, o que o leva a unha morte simbólica para empezar unha nova vida.
Seamus Heaney, premio Nobel de literatura en 1995, titulou un poemario seu Station Island onde revisa algúns fantasmas familiares e se atopa con algún outro, como William Carleton, quen renegou das súas orixes irlandesas e gaélicas para poder triunfar entre as elites inglesas; tamén se encontra co poeta Patrick Kavanagh, con Dante e San Juan de la Cruz.

Fisterra e Lough Derg (o Purgatorio de San Patricio) son dous referentes da peregrinación nos tempos medievais, dous lugares importantes a onde peregrinar para redimir os pecados, dúas portas de acceso ao outro mundo, dous lugares unidos polo relato do peregrino maxiar George Grissaphan.

 

Artigos de Manuel Vilar

Novas relacionadas

Serie "De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir”", por Manuel Vilar

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción e fotos de Manuel Vilar para QPC.

comentarios