A #AxendaCostadaMorte segue de festa
06:15 29/07/16
Continúa cargada de festas a #AxendaCostadaMorte. Ademais das verbenas a ritmo de orquesta, esta fin de semana tamén haberá festivais de primeiro nivel como o Nordestazo Rock de Malpica e o FestoRío 2016 de Lira. Ademais de música, a axenda trae visitas guiadas, roteiros, concertos, cine ao aire libre,... Antes de entrar detalladamente nas principais citas desta fin de semana, facemos un repaso á climatoloxía da man de 4gotas.com.
Na fin de semana perderase un chisco a influencia anticiclónica. Irá menos vento e polo tanto as nubes estarán algo máis presentes. Mañá será unha repetición dos días pasados. Nubes na mañá no interior da Costa da Morte e nos arredores de Malpica. Neste litoral alternarán as nubes e os claros na tarde, no resto moito sol e 26-28 graos.
Mañá as nubes serán un pouco máis densas na mañá - nos mesmos sitios - mais volverá a sair o sol no final da mañá nesas zonas. Entre Muxía e Muros seguirá o sol, con 1-2 graos menos, pero con outro día de praia.
O domingo será o día que haxa máis nubes e menos calor, mesmo con algún orballo na madrugada e na mañá en Bergantiños e puntos do interior como Vimianzo ou Zas. Pero malia iso no mediodía e na tarde haberá bastante sol e tamén será un día para gozar da praia entre Muxía e Muros. Ademais, todo apunta a que na vindeira semana seguirán a predominar os días de sol.
O vento tamén irá a menos esta fin de semana no Ézaro, onde se disputa o campionato nacional de volei praia da categoría cadete. "Hoxe soprará algo menos ca estes días, o sábado xa será moderado e o domingo será o día de menos vento ainda que na tarde deixarase notar novamente".
Nordestazo Rock en Malpica
- Na entrevista a Tonhito de Poi - de Herdeiros da Crus - despréndese que Malpica vibrará mañá co mellor rock. O Nordestazo comeza ás 13 horas no paseo marítimo cun taller de MiniDjs. Esta cita dará paso á sesión vermú coas actuacións de Serj – un dos gañadores do concurso de bandas –, Phantom Dragsters y True Mountains. E xa pola noite comezarán os concertos. Os vigueses Blunk – a outra agrupación gañadora do concurso de bandas – encargarase de abrir o o cartel a iso das 19:30 horas que se prolongará ata altas horas da madrugada. Diso encargaranse Agoraphobia, Bastards, Marky Ramone’s Blitzkreig, os Diplomáticos de Montealto e Heredeiros da Crus. Ademais haberá cinco foodtrucks de diferentes estilos.
- O hórreo de Lira vístese a partir das 20 horas de mañá de gala para recibir o FestoRio 2016. Non faltarán as empanadas e a música, unha conexión en directo coas novas de máis actualidade local en Canle Nius, e despois concertos de Sés e Los Claretes.
- O domingo, a partir das 5 da tarde, os veciños e veciñas de Borneiro celebran o Castro Animado en A Cidá. Haberá artesanía, animación teatral e gastronomía. E tampouco faltará a música tradicional, unha gala de circo e un concerto final a cargo de Os Modernos.
- Mañá, a partir das 19:30 horas, terá lugar na praza da Constitución de Cee o VI Memorial Manuel Rebollar organizado pola asociación de Amigos da Banda de Música de Cee. Actuarán a banda municipal de música de Cee, a Unión Musical de Valladares e a banda de gaitas de Forcarei. Ademais das súas propias pezas, estas dúas últimas agrupacións realizarán unha actuación conxunta.
- En Carantoña - Vimianzo - xa comezaron onte a celebrar as festas do Carmen. Hoxe bailarán ao ritmo das orquestas Principal e Tango e mañá será o turno de D'Zona e Ciclón.
- A virxe do Carmen tamén será honrada mañá e o domingo en Muxía. As festas arrincan mañá coa sesión vermú a cargo da orquesta Panamá, que repite pola noite con disco móbil. A gran cita será a procesión marítima do domingo que partirá do porto despois da misa da unha da tarde e antes da sesión vermú coa Metrópolis, que estará tamén na verbena con Alaska.
- En San Cremenzo - Zas - estarán esta fin de semana de celebración. Os actos relixiosos misturaranse cos lúdicos nos dous días de festa.
- A parroquia pontecesá de Tella celebra mañá e o domingo as festas do Sacramento.
- Na Ameixenda - Cee - continúan ata o domingo coa semana da festividade do Apóstolo Santiago e a virxe do Carme. O sábado haberá unha sardiñada popular e o domingo a actuación do grupo de música tradicional "Fol de Veneno".
- En Santa Comba celebran o domingo as festas do san Cristovo. Despois da misa e da procesión de coches na que se concentrarán vehículos antigos, o grupo Nueva Fuerza amenizará a sesión vermú. Os inchables e os pasarrúas durante a tarde daránlle paso á verbena. E a media note fogos de artificio.
- A carballeira de Berdeogas - Dumbría - acolle este domingo a XVI festa da Familia. A música acompañará as merendas.
- As Torres do Allo (Zas) abren durante todo o verán en horario de 11 a 20 horas e todos os domingos, as 19:30 horas, ofrecen un espectáculo teatral da man de Os Quinquilláns.
- O Castelo de Vimianzo abre no seu horario habitual e as 12 e as 19 horas haberá un servizo gratuito de visita guiada. Tamén o domingo, as 13 e as 17 horas, a compañía teatral Os Quinquilláns fará un repaso pola historia do Castelo cunha visita teatralizada.
- O sábado e o domingo, as 13 e as 18 horas, realizanse visitas guiadas nos Batáns do Mosquetín (Vimianzo).
- Dolmen de Dombate (Borneiro) abre todos os días entre as 9 da mañá e as 21 horas. Dispón dun servizo de visitas guiadas en horario de mañá – de 11 a 14 horas – e tarde – de 16 a 21 horas –.
- O Forno do Forte, de Buño-Malpica, abre durante o verán entre as 11 e as 14 e de 16 a 20 horas, a excepción dos domingos.
- Historia Viva Vimianzo “Do cemiterio megalítico ao romano”. Mañá, as 11:30 horas, sae do Castelo de Vimianzo un autobús para descubrir os cemiterios das distintas épocas que se ubican dentro do termo municipal vimiancés. O percorrido de dúas horas e media de duración inclúe a visita aos dolmens de Pedra Cuber, Pedra Moura, necrópole de Tines, entre outros. Os nenos viaxarán gratis e os adultos deberán abonar 3€.
- A casa da Cultura de Vimianzo acolle ata o vindeiro 30 de agosto a exposición fotográfica “Asunción, María e Jose” de Marcos Rodríguez.
- O Cárcere Vello de Corcubión alberga, ata o 31 de xullo, a mostra de fotografía naval “Unha ollada aos barcos e o mar”.
- Hoxe abre ao público unha exposición do debuxante e ilustrador José Juan Palazón Barandela na capela do Pilar de Corcubión. Poderase visitar ata o venres 5 de agosto de 12 a 13:30 horas e de 20 a 22 horas.
- A artista polaca Gosia Trebacz expón na sala de exposicións do faro Vilán a súa mostra de pintura “Mar de dudas”. Os seus traballos combinan formas, materiais e cor dándolle así unha nova dirección aos seus traballos que buscan provocar a comunicación co espectador.
- As rúas de Corme acollen dende hoxe e ata o domingo a I Feira Mariñeira Artesá, con postos de artesanía de toda a volta.
- Concerto en Fistera: Hector Lera & Uns calquera tocan na Galería de Fisterra mañá a partir das 23 horas.
- Concerto en Laxe: o gastrobar A Ventana de Laxe continúa este domingo coa súa ronda de concertos de verán. Nesta ocasión tocarán ás 13 horas, La Familia del Árbol.
- Cine no local social de Neaño. O sábado, ás 22 horas, proxectarase a película "Copito de Nieve".
- Cine en Zas. O domingo ás 22 horas na praza do Concello arranca a Semana Cultural de Zas proxección dun documental sobre o accidente do Alvia en Angrois, “Frankenstein – 04155: ¿Que hai detrás do accidente ferroviario máis grave da democracia?” de Aitor Rei.
- Redacción QPC ([email protected])