A Deputación abre o prazo das subvencións ás asociacións
Como cada ano por estas datas, o Boletín Oficial da Provincia publica as bases da convocatoria ordinaria de subvencións da Deputación dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para toda a provincia da Coruña.
En concreto, trátase das axudas nas áreas de Promoción Económica, Cultura, Deportes e Servizos Sociais. Aquí inclúense dende achegas para programas de igualdade, ata axudas para o desenvolvemento pesqueiro e agrícola. No ámbito do deporte subvencionaranse tanto infraestruturas como o fomento de actividades de promoción.
O prazo de presentación ábrese hoxe e remata o 20 de novembro para todas as liñas de axudas, o que significa que, coma en anos anteriores, se seguen a adiantar os prazos. O obxectivo é axilizar a tramitación, de tal xeito que as asociacións poidan saber o seu orzamento e organizar as súas actividades cara o vindeiro próximo exercicio.
Co mesmo obxectivo repetirase a forma de presentacións de solicitudes, que por terceiro ano consecutivo se realizarán de forma telemática a través da web www.dicoruna.es.
Sesións informativas
Ademais, para resolver as dúbidas que poida haber sobre o proceso de presentación de solicitudes e a utilización da plataforma telemática, a Deputación segue coa celebración de charlas informativas ao longo de toda a provincia.
O próximo xoves 30 os técnicos da Deputación trasladaranse a Carballo para orientar ás asociacións e municipios de Cabana, Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica e Ponteceso.
Xa o venres a reunión será en Outes, dirixida aos portavoces de entidades e concellos de Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra, Porto do Son e Ribeira.
Fonte
- Dicoruna.