A música enche a última #AxendaCostadaMorte de novembro

08:15 27/11/15

"A fin de semana non será tan invernal coma a pasada. Hoxe o día amencerá sen chuvia, con máis claros que nubes ao sur de Fisterra pero a medida que avance a xornada irán aumentando as nubes. Na tarde orballará e na noite choverá. Mañá sábado, achégase outro anticiclón a Galicia que deixará bastantes nubes entre Muxía e Malpica (máis despexado ao sur de Fisterra) e unha baixada de temperaturas. Polo que a xornada será algo máis fresca ca de hoxe. O domingo subirán un as temperaturas, non choverá e alternarán as nubes e os claros durante toda a xornada".
Mención aparte merece a Semana Gandeira de Mazaricos, cunha fin de semana chea de sabor rural, concursos, exposicións, subasta...
Concertos- Foliada Solidaria en Baio: Os alumnos e alumnas da asignatura “Artes escénicas e xestión cultural” do IES Maximino Romero de Lema de Baio organizan un festival benéfico que terá lugar mañá no pavillón da vila, onde todo o recadado será doado a Médicos Sen Fronteiras (organización que está traballando activamente para axudar aos protagonistas desta dura realidade). Os grupos convidados son Taghaitaí, Do fondo do peto e Taín. Todo isto estará fiado polo coñecido artista Xurxo Souto, que encherá a tarde de emocións e reflexións. As actividades comezarán ás 19:00 horas coa proxección do documental de Cristina Antuña “Quiero irme a casa” e a peza de microteatro en directo ás 19:30 horas “Awlad: Infancia e Guerra” de Nadia Hariri e Lía Pichel. O concerto comezará ás 20:00h e o bono axuda será de 5 euros. Ao finalizar, sobre as 22:00h, dará comezo unha foliada aberta, guiada polo grupo de gaitas do centro “Vintenbaio”, á que todos e todas estarán convidados a bailar, tocar e cantar por un mundo con máis cultura e menos guerras.
- Remata o Novembro musiqueiro en Vimianzo. E faráo da man de Guadi Galego que presenta o seu último traballo; “Lúas de Outubro e Agosto”. A Casa da Cultura vimiancesa encheráse a partir das 21 horas de fermosas cancións cargadas de emoción e sentimentos.
- En Carballo terá lugar mañá o tradicional Concerto de santa Cecilia que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños, na que esta agrupación conmemora a festividade da patroa dos músicos convocando a corais doutros concellos para este evento. Este ano participará como grupo convidado a Sociedad Coral Polifónica El Eco da Coruña que acompañará á anfitrioa, a Coral Polifónica de Bergantiños á que se sumará o Coro de Voces Brancas de Carballo. Os dous concertos de música coral terán lugar ás 21.00 horas. Xa o domingo a compañía "Teatro Lírico de Madame Spaguettinni"ofrece o espectáculo "Érase unha vez... A Ópera". Esta obra músico teatral para toda a familia, comeza ás 18 horas.
- No CunkaCafé da Ponte do Porto actuará este sábado o dúo “Carta de ajuste”, que deleitarán con cancións versionadas dos 80-90.
- Hoxe continúa en Malpica a XI Mostra de Teatro coa representación de “As fillas bravas” de Chévere Produccións. Tres mulleres tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. A obra, que comeza ás 20:30 horas, está dirixida a todos os públicos.
- Ponteceso dálle mañá a despedida XXII Ciclo de Teatro coa obra “Mil Primaveras” De Talía Teatro. A cita é ás 22:30 horas no edificio das Escolas.
- Tamén o sábado, a casa de Cultura de Cee convertiráse nunha sala de cine na que se proxectará a película “Oz, un mundo de fantasía”. A sesión comeza ás 18 horas.
- Senda Nova remata o domingo o seu progama "4º outono en marcha" coa ruta das Férvedas ao seu paso polo concello de Carballo. A camiñata, de dificultade media, é de 15 quilómetros de distancai.
- Mañá sábado a casa da Cultura da Pereiriña, de Cee, acolle un magosto popular con música, callos e castañas que comeza ás 18:30 horas.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)