As artes escénicas regresan aos Venres Culturais de Carballo
07:05 21/03/17
O domingo terá lugar no pazo da Cultura de Carballo o espectáuclo de circo-teatro "Móbil" dirixido a toda a familia
A vindeira fin de semana, regresa o programa dos Venres Culturais, posto en marcha polo concello de Carballo, cunha proposta dobre do máis alto nivel, que traerá a Carballo o “Soño dunha noite de verán” de Shakespeare revisado pola compañía Voadora, e o espectáculo de circo-teatro “Móbil”, unha proposta divertida de La Güasa para toda a familia.
Dentro da súa liña de interpretación de textos clásicos dende unha perspectiva contemporánea, a compañía santiaguesa Voadora aborda o “Soño dunha noite de verán” de William Shakespeare dende unha perspectiva nova, que xurde do traballo conxunto dun equipo de creadores para o teatro, a danza, o cine e as artes visuais. Á cabeza destaca o tándem formado pola directora galega Marta Pazos - directora artística de Voadora - e o chileno Marco Layera - enfant terrible do teatro latinoamericano e que, xunto coa súa compañía La Resentida, vén de estrear nos máis prestixiosos escenarios do mundo, e que nesta ocasión será o responsable da adaptación dramatúrxica -. A transformación, o desexo sexual e o culto á estética son algúnos dos temas sobre os que reflexiona este texto universal e que mantén plena actualidade na sociedade contemporánea.
A compañía Voadora representa o venres a obra "Soño dunha noite de verán" de William Shakespeare
A compañía Voadora nace no ano 2007 en Santiago de Compostela, pero cun espírito nómada que a leva a desenvolver os seus proxectos e residencias artísticas entre España e Portugal. Nestes 10 anos produciu outros tantos espectáculos, e no 2013 acadou o premio de Crítica de Galicia na modalidade de artes escénicas e audiovisuais.
A cita será o venres, ás 21 horas, no pazo da Cultura de Carballo.
Xa o domingo, ás 18 horas, volve a actividade cun premiado espectáculo de circo- teatro para familias con nenas e nenos de seis anos en diante. La Güasa desembarca en Carballo con “Móbil”, unha visión imaxinativa de como conseguir as cousas, utilizando o ritmo, a expresividade, os xogos malabares, os mecanismos e o movemento como punto de partida. En “Móbil” atoparemos materiais reciclados nun 90%, coma rodas de bicicleta funcionando a modo de polea, un listón de cama facendo de catapulta ou coadores de cociña reconvertidos en cestiñas de pelotas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).