Mércores. 11.09.2024
El tiempo

Axenda de Festas da primeira fin de seman de verán e do San Xoán

Axenda de Festas da primeira fin de seman de verán e do San Xoán

Nova fin de semana completísima na AxendaCostadaMorte esta do ecuador de xuño, cargada de festas. I é que xa se sabe que cando entra o verán con todas as letras (o solsticio de verán entre o sábado 21 ás 10:52h), e co San Xoán preparado para o comezo da vindeira semana, as verbenas toman o protagonismo.
E coma sempre, o primeiro que facemos é ver como ven o tempo da man dos amigos de 4gotas:
Venres, sábado e domingo serán días moi semellantes na Costa. As temperaturas máximas estarán entre os 22 e os 25 graos, pero con sensación de bochorno. Nos puntos de interior formaranse treboadas durante as tardes e previsiblemente eses chuvascos cheguen á costa entre Camariñas e Malpica. Serán 2-3 chuvascos cada día e só nas tardes.
O domingo tamén se poderían producir no resto do litoral.
Malia eses chuvascos nas tardes, poderase aproveitar a praia xa que nas mañás e mediodías irá sol.

Arrinca un verán de festas

Exposicións, festas, música, teatro, romarías… fin de semana completa esta. E comezamos o repaso polo venres, e o facemos co singular Festival Máxico Medieval do Mosteiro de San Martíño de Ozón, en Muxía, unha cita especial que durará toda a fin de semana.
Teremos un interesante concerto blues no Ézaro, mentres en Cee teremos o show de improvisación de Víctor Grande e Marita Martínez, pero sen dúbida as festas son as protagonistas.
Teremos as Grandes Festas do Corpus e do San Adrián de Malpica, coa Panorama e todo na noite do venres. Temos as Festas de Baíñas e tamén as Festas de Gures.

O sábado comeza cunha cita auténtica, a Romaría dos Muíños de Caldebarcos, auténtica festa de tradición con gastronomía, sendeirismo, troula e ata regueifa. Temos tamén unha noite meiga en Cee.
Ademais das festas das que falamos, o sábado teremos tamén as
Festas de San Xoán de Carantoña, Festas do Corpus de Brens, as Festas de San Xoán de Serres, e as Festas de Pasarela-Calo, con especial atención á Festa Celta de Santa Comba, todo un cúmulo de experiencias.

O sábado tamén teremos a inauguración dunha exposición fotográfica en Muros e mais o concerto de Palito na Ventana de Laxe.

Continúan as festas de domingo en clave de sesión vermú, ás que temos que unirlle ás Festas de Anos. Teremos tamén o Encontro de Corais de Muxía e remataremos a fin de semana pechando o fantástico ciclo semestral do Concello de Vimianzo, co último domingo cultural coa Escola de Teatro de Vimianzo.

Axenda do San Xoán

E de paso achegamos a Axenda do San Xoán costeiro, que chega para estes luns 23 e martes 24 de xuño. Se ben o domingo xa dan o pregón do San Xoán de Carballo, para o luns teremos as Festas de Anos, as Festas de San Xoán de Serres, as Festas de San Xoán de Sardiñeiro, e o San Xoán de Camariñas coa Lumarea. Sen esquecer o San Xoán carballés, o máis completo que oara o luns terá como punto forte o concurso de cachelas, e para o martes, o espectáculo Cantando a Galicia, con Rosa Cedrón, Sito Sedes e Paco Lodeiro.

Para o martes ademais, Festas de San Xoán de Berdeogas e as Festas de San Xoán de Mazaricos.

Aí é nada!! A saltar cachelas!

Máis información

Fonte

Comentarios