mércores. 14.05.2025
El tiempo

Axenda do ecuador de setembro na Costa da Morte

Axenda do ecuador de setembro na Costa da Morte
Completa a Axenda para estrear o tempo en QPC da man de 4gotas.com

Menuda marabilla de setembro que nos está quedando. E que gusto dá estrear en QPC o tempo da man de 4gotas en pleno anticiclón. Esta fin de semana do ecuador de setembro chega con bo tempo en toda a zona, chegando mesmo a 28º sobre todo no sur da bisbarra. Todo un luxo para disfrutar dos dous festivais que temos, das numerosas festas ou dos concertos.

E comezamos coas dúas citas festivaleiras que serven para pechar o verán da Axenda Sonora da Costa da Morte. Temos en Carballo a cita anual coa música máis popeira no Xiria Pop que traerá ás noites de venres e do sábado música de nivel internacional.
Para os que gusten máis da tralla, a cita é en Lariño, co Asaghieiras Master Festival, traendo toda clase de música ao longo da xornada do sábado, dende a sesión vermú ata que o corpo aguante.

E temos tamén citas verbeneiras, como as Festas de Cambeda ou as Festas da Santiña de Trasufre. E máis unha cita en clave futboleira, como é a Festa do Socio do Baíñas; e outra en clave musica, como é o concerto no Pindo de The Way

Pero unha das propostas máis interesantes e comprometidas é a Marcha pola Lingua na fin da terra. Artellada pola Plataforma Queremos Galego, a convocatoria pretende subir andando dende a Crus de Baixar ata o Cabo, para logo alí facer unha sesión cultural, con música e poesía, en galego, no Faro.

O domingo, pechará a fin de semana a presentación da Peña Moteira Rachando o Vento que terá lugar na Estación de Servicio Bazarra.


Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios