#AxendaCostadaMorte: O outono cambia festas por cultura


Chega unha fin de semana, a última de setembro e a primeira do outono, cargada de citas culturais. E de chuvia, pois como nos contan os amigos de 4Gotas, vai chover toda a fin de semana cunha seria baixada de temperaturas. I é que xa se sabe que en canto remata o verán hai un cambio de plans, e das verbenas pasamos aos auditorios, e mesmo aos museos.
I é que son varias as citas claves nestes días, que chegan en clave reivindicativa tamén.
Comezamos a golpe de exposición, e o facemos o venres coa Inauguración do Museo Etnolúdico Galego, o primeiro museo do xoguete tradicional en todo o país que nace en Ponteceso.
Para o sábado quedamos coa Inauguración da nova exposición dos Tesouros da Fundación Fernando Blanco, en Cee.
E por se foran poucas, durante a fin de semana terá lugar na sala de exposicións e eventos do Faro Vilán de Camariñas, que xestiona a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, o I Encontro de Pintura Chinesa “Faro Vilán”.
E se falamos en clave de loita, o sábado será o día do Roteiro Verde polo Monte Pindo Parque Natural, que rematará ademais pola noite cun Concerto simbólico na Praza verde de Carnota.
Concertos tamén haberá en Cee cos The Way, e mais en Carballo cos Lowcos, música local para recibir o outono.
Non podían faltar as festas, e desta volta teremos venres, sábado e domingo as Festas de Treos e só sábado e domingo as Festas de San Miguel de Camelle.
Para pechar a fin de semana poderemos facelo a pé, porque se ben os trasnos estarán o sábado polo olimpo celta arriba, o domingo traslándase a Niñóns para facer a 2ª etapa do Camiño dos Faros.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).