O surf, tamén como ferramenta de inclusión
Ademais dun deporte sanísimo, que fomenta o contacto coa natureza, o surf na nosa comarca ten moitas aristas. É un axente turístico de primeira orde, convertindo espazos como Razo, Soesto ou Nemiña en foco de atracción de visitantes. É un axente medioambiental, con colectivos implicadísimos nas limpeza e no coidado do noso litoral. É un elemento educador que achega o mar ás escolas. É ata salvavidas!
Agroa é tamén ferramenta de inclusión, como o comprobamos co proxecto, Agarimo Surf, un proxecto social e terapéutico desenvolto en Razo con usuarios e usuarias de Íntegro, Lenda Educativa, Un Paso Máis e Aspaber.
Tras superar con éxito as fases de presentación nos centros e de formación específica para profesionais, os usuarios e usuarias dos diferentes colectivos participantes xa están a gozar plenamente das xornadas de surf terapéutico e adaptado na praia.
Agora, con todos os colectivos tendo xa unha primeira toma de contacto coas ondas, o proxecto dá un paso máis alá: "O primeiro paso xa está dado. Agora trátase de desenvolver obxectivos de mellora específicos para cada persoa participante, utilizando o surf como motor de crecemento persoal e social", sinalan dende a organización.
Agarimo Surf, impulsado pola Asociación Visibles, é unha realidade grazas á suma de forzas de escolas, entidades e institucións, entre elas o Concello de Carballo, que patrocina estas xornadas para os colectivos locais. É un programa inclusivo que entende o mar como un espazo de saúde. O seu obxectivo é axudar a persoas con diversidade funcional, mental ou en risco de exclusión a entenderse mellor a si mesmas, a relacionarse coas demais e a respectar a súa contorna natural a través do contacto co mar e co surf.








