![carballo-nadal-2016]()
Onte presentouse a programación do concello de Carballo para este nadal
"Para todos os públicos e para todas as sensibilidades" . Así definiu a tenente alcalde de Carballo - Milagros Lantes - a programación do Nadal Cultural presentado onte en rolda de presa. Teatro, monicreques, maxia, música, os Reis Magos, o Apalpador, arte, literatura, exposicións... son só algunhas das actividades que animarán as festas. Entre as novidades deste ano, hai que mencionar a
programación do DAC Outono Cultural da Deputación da Coruña, con dúas citas: unha o domingo 11 polas rúas da vila coa animación cultural das Irmandades da Fala; e outra o venres 16 con
Carlos Blanco e Luis Davila no pazo da Cultura, unha cita gratuíta con convite para todos os públicos.
Outras das citas habituais son os
Cantos de Nadal e a
entrega de premios do concurso de Postal e Cartaz de Nadal, neste caso o sábado 17 de decembro, co coro de Voces Brancas, o coro O Candil, coro Vagalume e a ACRD Razo. Todo Lar, un ano máis, encárgase dos premios e agasallos para os cativos e cativas. José Manuel Naya, responsable do establecemento, transmitiulle os parabéns ao concello pola alta participación deste ano, con preto de 1.500 nenos e nenas, e por organizar esta cita para os máis pequenos da casa.
Para os máis pequenos
Este ano o
Nadal Pequespectacular transcorre entre o martes 27 e o venres 30 de decembro, con
catro actuacións con entradas a 3 euros (2 euros con desconto) e inclúe, para nenos e nenas maiores de 3 anos, o teatro da compañía Caramuxo e da compañía Baobab Teatro ou o teatro musical da Carapuchiña Vermella de Educateatro Producións; para nenos e nenas maiores de 5 anos Cayetano Lledó pon a maxia de Máximo Circus Cabaret. Todas as citas contan coa colaboración da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).
Como sempre, o xoves 5 de xaneiro será a tradicional
Cabalgata de Reis polas rúas de Carballo, e tamén nas parroquias en Artes, Baldaio, Berdillo, Oza, Entrecruces e sísamo, co día 6 en Razo, Lema, Cances Ardaña e Sofán. E ademais, haberá un montón de citas na Biblioteca Rego da Balsa con presentacións literarias e contacontos; Mercarte, de Crea Formas Artísticas, unha cita coa arte local no Mercado Municipal; visitas do Apalpador da man de Senda Nova e tamén na Ludoteca; exposicións fotográficas; a
campaña de Nadal no comercio #Semecachadescóntovos; e citas específicas para a terceira idade con bailes con Rocío Pérez o domingo 18 de decembro e o domingo 8 de xaneiro.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo