Carballo volve buscar os mellores artigos xornalísticos normalizadores
Un ano máis, QPC colabora co Concello de Carballo na difusión dunha proposta normalizadora. O ano pasado era o Carlos Callón o gañador do Premio ao artigo Xornalístico Normalizador carballés, entregado nunha gala vitamínica, unha das apostas comprometidas de QPC, que vén de ser parte da creación da Asociación de Medios en Galego.
E para favorecer a creación xornalísitca na nosa lingua tamén existe este IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.
Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.
Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos. O prazo de admisión está aberto ata o 11 de abril de 2013.
Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos doce medios colaboradores coa iniciativa: De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, Dioivo, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Compás, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.
En edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos M. Callón. Todos os artigos premiados tiveron unha gran repercusión, xa que foron publicados e difundidos por todos os medios colaboradores cada ano.
Máis información e inscrición
As bases completas poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo (www.carballo.org). Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico [email protected].
Novas relacionadas
- Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC.
- Carlos Callón: Fai teu o galego!.
- Unha de Vitaminas para o galego dende Carballo con xornalismo e música.