xoves. 26.06.2025
El tiempo

O espectáculo infantil 'Bibopalula' chega este sábado a Cee

O espectáculo infantil 'Bibopalula' chega este sábado a Cee

Hai uns días falamos con Marta Lado sobre o espectáculo infantil 'Bibopalula' que chega este sábado ao Auditorio Baldomero Cores de Cee  (17:30 horas). 

Despois de situarse como o contido máis visto en Xabarin.gal, a plataforma de contidos de entretemento infantil da Televisión de Galicia, o proxecto audiovisual creado por Andrés Mahía e Laura Mahía e producido por Undodez transfórmase nun gran espectáculo musical para nenas e nenos de 4 a 8 anos.

O espectáculo de Bibopalula, que conta para a súa produción coa subvención da Xunta de Galicia á creación escénica, e co apoio do Concello da Coruña e do Concello de Rianxo, precisou para a súa creación dun equipo de preto de trinta profesionais galegos de distintos ámbitos -interpretación, deseño de espazo sonoro e escénico, coreografías...-. Na xira que levará a proposta polos escenarios de toda Galicia durante o mes de xuño mobilízanse ata doce persoas entre os equipos artístico e técnico, así como tres vehículos para o transporte dos decorados e os recursos audiovisuais.

A xira que comezou o 7 de xuño na Coruña percorreu xa algunhas das grandes cidades e vilas galegas, como Santiago (domingo 8), Pontevedra (sábado 14), Vilalba (domingo 15), Verín (sábado 21) e Vigo (domingo 22). As próximas paradas serán Cee, o sábado 28 ás 17:30 no Auditorio Baldomero Cores, e Ourense, o domingo 29. As entradas pódense mercar a través de www.bibopalula.gal, a páxina web do proxecto.

A historia

O público do espectáculo de 'Bibopalula' terá a oportunidade de coñecer a Ava -Lidia Veiga-, unha experta observadora de paxaros encantada de acompañar á cativada nunha emocionante viaxe polo bosque. Presentaralles a Robin, Carpin, Merli e Pegui -interpretados por Nerea Rodríguez, Graciela Carlos, Sara Ferro e Cristina Andrade-., pero tamén a outros personaxes da serie, como o Señor Moucho ou Pombo. Todos xuntos terán unha misión durante os case sesenta minutos de función: a procura dun misterioso tesouro a través de distintas pistas.

Polo medio deste apaixonante reto, máis de dez cancións e coreografías, todos os fenómenos naturais posibles entre o ceo e as pólas, e a intención de que cada representación sexa unha auténtica festa.

A actriz fisterrá Marta Lado é a autora e directora da peza, con cancións escritas por Andrés Mahía e compostas por Santi Jul e Iván Laxe. Álvaro Pérez Becerra e Elisa Martínez producen desde Ainé un proxecto ao que tamén se suma a marca Deleite, habitual no apoio a iniciativas culturais na nosa lingua. Completan o equipo do espectáculo Laura Mahía na dirección de arte, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, Martina Cambeiro no deseño de vestiario e as coreografías, Banale e Mástil na construción de decorados, e Miguel Vázquez e Alba Gilda na produción. As voces dos protagonistas son as orixinais dos personaxes do formato audiovisual: Laura Mahía (Robin), Marita Martínez (Carpin), Marta Lado
(Merli) e Iria Lamas (Pegui).

Comentarios