Marta Lado: “O espectáculo teatral de Bibopalula ten unha cercanía que vai conectar moi ben coa rapazada”

Segue medrando o efecto Bibopalula. O que comezaba como a primeira serie de animación musical en galego para crianzas, xa se convertiu en todo un espectáculo teatral, que esta mesma semana empeza a percorrer o país.
Nesta primeira xira teatreira que se estrea este sábado na A Coruña, teremos a sorte de recibir a obra no Audioprio Baldomero Cores de Cee o vindeiro 28 de xuño. E como no elenco temos unha das nosas artistas máis galardoadas, a fisterrá Marta Lado. Actriz, mestra de teatro, e escritora, estréase como directora este espectáculo, ademais de ser a creadora da historia e do guión. Así nos conta como está a ser a experiencia.
- Cóntanos, Marta. Como foi a adaptación da serie ao escenario?
Isto é un espectáculo teatral que nace da serie, pero claro, ten unha duración dun espectáculo de teatro musical, que dura arredor dunha hora, e fixemos unha adaptación poñendo os caracteres dos personaxes e dándolle unha historia un pouco máis longa que a dos capítulos.
- Xa coñecías a serie?
Coñecía a serie, si, porque como actriz doblo na serie a Merli, o merliño, unha das personaxes da serie da banda do Bosque.
- Por que é tan innovadora a serie que tanto triunfa entre a cativada do país?
Creo que o bo da serie, e do espectáculo, é que lle trae aos nenos e nenas cousas moi próximas a eles. Queremos que vexan o que ven no bosque, no parque… os paxaros que ven diariamente. A xente trata a vida cotiá dos nenos, porque aínda que sexan animais, compórtanse como nenos. E aquí temos unha panda de amigos, paxaros aos que lle pasan cousas de paxaros, pero que teñen unha banda de música. Penso que hai aí como unha novidade, e unha cercanía, que xunto coas cores, coas cancións, e cos diálogos divertidos, penso que os nenos van conectar.
- Tan importante é poñer contido en galego nas plataformas?
Penso que é importante ter contido en galego, en todas partes. Ogallá tamén máis na tv, na prensa escrita, no teatro, no cine… porque nas plataformas é certo que están moi próximas e podemos acceder moi fácil, pero tamén sería bo que houbese contido sen ter que buscalo. Que prendésemos á tele e que os nosos nenos e nenas puidesen ver os seus debuxos favoritos falando no seu idioma,. E que vexan que é útil, que é bonito, e podemos ter outros matices que nos dá a nosa lingua, que é moi bonita, para contar historias, que é o noso.
- Ti xa tes experiencia no teatro ordinario e na literatura infantil. Pero aquí unes eses dous mundos, non?
Teño un pouco de experiencia en cada cousa. Si, na literatura infantil estou empezando a mergullarme. Xa fun unha nena moi lectora, pero dende que dson nai, quero ser unha nai que lle ofreza lecturas adecuadas á súa filla. Por iso me metín aí un pouco máis e cautivoume, e estou intentando aprender. E aquí, co teatro, como coñezo as ferramentas, é unha maneir de gozalo dende outro punto de vista. Está sendo unha experienca moi chula.
- Que significa para ti participar neste proxecto?
Pois é a miña primeira experiencia como directora dun esepectáculo profesional. Un espectáculo de grande formato ademais, que mestura música, coreografía, texto, efectos especiais (ha uns fenómenos meteorolóxicos tremendos…) con moita xente traballando.. A este nivel estou aprendendo un montón. Pero a nivel máis persoal, poder facer algo que de verdade sexa dirixido á xente da idade da miña filla, faime especial ilusión, porque pode velo ela, os seus compas de clase, as miñas sobris… Sempre che dá un plus máis.

- Chega a xira xa. Comezades na Coruña este venres 7. Notades que hai expectación?
Espero que haia moita expectación, si!! Espero que se enteren todas as crianzas e lles pidan ás familias ir ao teatro. E que se vaia correndo a voz, e que cada vez máis nenos e nenas nos queiran ver.
- E chegarás a Cee o 28 deste mes. Será especial para ti actuar case que na casa, non?
Sempre é especial porque é na casa. Ademais da familia, seguro que virá moita xente que coñezo, e pode ver o que fas. Ademais que sexa para nenos e nenas tamén mete un pouco máis de medo, porque non minten nunca, e sempre dá un pouquiño de susto, pero para iso estamos, para ir mellorando.
- Que lle dis ás familias para que se animen a ir reservando xa as entradas en bibopalula.com?
Estamos con moitas gañas, que animamos aos pais e nais a vir, porque é algo diferente, porque non hai tantas oportunidades de ver espectáculos de gran formato para público infantil. Que o van pasar ben, porque hai música, hai cancións… e hai tamén un regaliño especial ao final, polo que sairán cunha parte do espectáculo para poder xogar con el.
Ademais, esperamos que tamén aprendan cales son os paxaros que viven con nós e que cando vaian ao parque poidan recoñecer aos Peguis, Carpins, Merlis e Robins!