Venres. 29.03.2024
El tiempo

Históricas Xornadas “De Castros a Castelos” este verán en Carnota

Históricas Xornadas “De Castros a Castelos” este verán en Carnota
De Castros a Castelos

Impresionante a proposta arqueolóxica que nos chega dende Carnota. A Asociación Monte Pindo Parque Natural recolle a semente posta o pasado verán da man do Proxecto da Torre dos Mouros e xa ten preparadas unhas xornadas de verdadeira entidade.

As Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" celebraranse na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño, e buscarán atopar as claves da Galicia fortificada durante dous mil cincocentos anos, desde a Idade do Ferro ata a caída dos Irmandiños a finais da Idade Media.

Aí é nada, e para seguir sacando conclusións abertas nas zanxas da revolución arqueolóxica provocada en Lira, achegaranse á Costa da Morte ducias de especialistas para debullar boa parte da nosa historia. Os Castros, a romanización e o seu abandono, as posibles grandes fortificacións da tardoantigüidade, nin os castelos roqueiros erixidos para salvar as nosas costas dos saqueo por mar, ou a edificación de maxestuosas fortalezas onde se estabeleceron os centros de poder galegos ata a súa destrución polo encolerizado pobo que se organizou nas irmandades. Todas as estas cousas sairán a estudio e debate.

Un debate, por certo, eternamente aberto, como indican os organizadores. "Quen o desexe pode propoñer á organización un tema relacionado co período que abarca este evento, con só enviar un resumo da súa idea a [email protected]. Os coordinadores escollerán as 8 achegas máis interesantes, que terán cadansúa ponencia na tarde do domingo".

2 días de xornadas

De castros a Castelos

En primeiro lugar, o sábado 1 a partir das 10 da mañá centrará o debate o mundo dos castros e a chegada dos romanos que transformou radicalmente a nosa verdade. Desta complexa misión encargaranse Rafael M. Rodríguez Martínez, licenciado en Historia pola USC; Xurxo M. Ayán Vila, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; Luis Cordeiro Maañón, licenciado en Historia pola USC, quen elaborou a parte arqueolóxica do PXOM carnotán; Antón F. Malde, arqueólogo e director do Proxecto Torre dos Mouros e Felipe Arias Vilas, Licenciado en Filosofìa e Letras pola USC e director do Museo do Castro de Viladonga. Este bloque rematará cun debate aberto e cunha visita guiada ao Castro de Mallou para explicar in situ estas análises antes de xantar.

A continuación, xa pola tardiña ocupará o centro de atención a tardoantigüidade e os aínda pouco coñecidos "castelos baleiros", unhas curiosísimas edificacións nos cales a sociedade depositaba a súa propia defensa, e os castelos roqueiros que a historia atribúe a Sisnando II para defender as costas galegas dos saqueos desde mar de pobos tan lonxanos coma os musulmáns ou os normandos. Nomes coma José Carlos Sánchez Pardo, licenciado en Historia e doutor en Historia Medieval pola USC; Dr. Manuel Gago Mariño, doutor en CC. da Información pola USC, xornalista e director de culturagalega.org; Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola UDC; novamente Antón F. Malde, ou xa desde a comunidade local Mario Maceiras Dosil, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, ocuparán estas palestras que rematarán con debate e visita á Torre dos Mouros, singular xacemento escavado o pasado verán no monte de Lira.

A xornada do domingo debullará desde a partir das 9:30 horas a cuestión dos castelos medievais ata a súa destrución pola revolta irmandiña, etapa na que serán protagonitas Carlos J. Galbán Malagón, licenciado en Historia pola USC e doutor pola UB; Julio Vázquez Castro, licenciado, doutorado e profesor titular de Historia da Arte na USC; Xosé Manuel Sánchez Sánchez, doutor en Historia Medieval pola USC e arquiveiro da Catedral de Santiago; Natalia Conde Cid, licenciada en Historia da Arte pola USC; David Chao Castro, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola USC, e Anselmo López Carreira, licenciado e doutor en Xeografía e Historia na USC. Nesta ocasión o bloque rematará cunha visita guiada ao Castelo de San Xurxo, no Monte Pindo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios