Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Iria Veiga, gañadora do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Iria Veiga, gañadora do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo
Iria Veiga-XIII-Premio-artigos-xornalisticos-normalizadores-Concello-Carballo-2017 Iria Veiga, gañadora do XIII Premio de Artigos Normalizadores de Carballo 2017

Xa ten gañadora o XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo. Un certame que “pretente promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita”.

Así, dos 42 traballos presentados, o xurado escolleu este martes o titulado “Inchazón”, de Iria Veiga Ramos. O premio está dotado con 1.250 euros e a publicación do artigo en QPC, ademais de en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Sermos Galiza e Tempos Novos.

O xurado (composto por Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Paula Vázquez, xornalista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto) explicou a súa decisión: ”A súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circular que pon de relevo a relación entre lingua e poder social. A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma, nomeadamente na sanidade, mais tamén, en xeral, en todos os ámbitos e sectores de prestixio”.

Iria Veiga Ramos é veciña de Santiago de Compostela e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Está interesada especialmente na divulgación científica e tamén a lingua, mantén o blog O outro lado do espello (www.espello.gal) e participa en iniciativas divulgadoras como Escépticos no Pub e Pint of Science.

Nas doce edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa Tenreiro.

Nos próximos días anunciarase a data de entrega do premio e mais a da publicación do artigo gañador.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo.

Comentarios