Venres. 19.04.2024
El tiempo

Miro Villar: Estranxeiro na súa patria

Miro Villar: Estranxeiro na súa patria
Miro Villar A Feira do Libro de Cee non conta con Miro Villar. Escritor ceense de certo prestixio, que continúa a colleitar éxitos, non foi convidado nin avisado para a cita. Deixamos aquí as súas reflexións, nas que esgrime os posibles motivos da súa ausencia. Ninguén é profeta na sua terra, sinala o dito que evoca unha pasaxe bíblica. Ou tamén podería dicir “Estranxeiro na miña pequena patria”, facendo unha paráfrase do poema de Rosalía de Castro "Estranxeira na súa patria", que se inclúe no libro II, ¡Do íntimo!, de Follas Novas. A sabedoria popular galega e a escrita literaria poderían servir para explicarmos un esquecemento ou un silenciamento da miña obra no lugar no que nacín, no que asenta a miña estirpe e no que vivín durante moitos anos e ao que aínda vou con moita frecuencia. Celébrase estes días a Feira do Libro de Cee e en ningún momento fun convidado a facer parte da súa programación, malia ser este 2011 un ano especialmente produtivo para min pois publicáronse tres libros da miña autoría: o conto infantil "A cobiza do verme Noel" en Galaxia, o poemario "As crebas en Espiral Maior" e a antoloxía do poeta Bernardino Graña "Ser auga, darse en auga", que preparei para o Pen Clube de Galicia. Pois ben, non sei se por desinformación, o que sería grave, ou por premeditada discriminación, o que sería máis grave aínda, os poderes públicos locais desmerecen e ocultan a obra dun autor local, que leva o nome de Cee por moitos lugares, e dan importancia a outros que por aquí aparecen de xeito ocasional e mesmo sen ninguha relación coa nosa contorna. A verdade é que me asalta unha dúbida que non son quen de resolver: Terá que algo que ver esa actitude co feito de rexeitar o “Faro Nerio” de mans do aínda alcalde de Cee e presidente de Neria? En calquera caso están ben enganados se pensan que van silenciar a miña voz. Ao excelente suceso co que foi acollida a presentación do libro "As crebas" en Carral ou na libraría Couceiro de Santiago de Compostela seguiu o pasado venres o éxito de asistencia no acto de presentación que fixemos na confraría d'O Pindo e han seguir outras, como a que xa teño confirmada no “XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos”, unhas xornadas que se celebrarán na cidade de Salamanca os vindeiros 5 e 6 de outubro, organizadas pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura. Seica aló non tiveron problemas para coñecer e divulgar a miña escrita literaria. Pola contra, canta ignorancia ou canta miseria moral hai na miña vila.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Miro Villar.

Comentarios