Martes. 21.05.2024
El tiempo

O 23º FIOT revisa os clásicos coas mellores compañías de España

O 23º FIOT revisa os clásicos coas mellores compañías de España
Presentacion do FIOT 2014

Xa está aquí. A mostra de teatro máis importante de toda a bisbarra tráenos durante todo o mes de outubro (entre o 3 de outubro e o 2 de novembro), nada menos que ano 28 espectáculos, con 10 estreas, ademais de teatro de rúa, monólogos e multitude de actos paralelos. Onte tiña lugar a presentación oficial do 23º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2014, con representantes da organizadora Asociación Cultural Telón e Aparte, da patrocinadora Fundación Luís Calvo Sanz, do Concello, dos Voluntarios e da Aula de Teatro Municipal, que fixeron unha pequena performance durante a presentación.

Deixamos todas as citas debulladas en www.axendacostadamorte.com, pero mentres, imos repasando as liñas xerais do festival, ademais de ver a actuación da Aula Municipal:

Grandes compañías españolas revisando clásicos

Unha edición que trata de revisar os clásicos, contando coas mellores compañías de España. Por exemplo, a capital de Bergantiños celebrará o 450 aniversario do nacemento de William Shakespeare coa representación de tres versións contemporáneas do dramaturgo inglés. Teremos tamén grandes nomes da escena como Rafael Álvarez “El Brujo” en “El asno de oro” ou Sergi López co espectáculo “30/40 Livingstone” de “humor, tenis e antropoloxía”. Estrellas que convertirán de novo a Carballo na capital das artes escénicas de Galicia.

Entre as compañías convidadas figuran vellos coñecidos do público carballés, referentes do teatro do humor xestual como Yllana ou Ron Lalá, un dos grupos revelación das últimas temporadas teatrais. Os primeiros volven apostar polo FIOT –van oito veces- coa estrea en Galicia da súa nova produción, “The Gagfather”. Como anécdota, destaca que a historia de Yllana corre case paralela á do FIOT xa que se fundaron no mesmo ano e é a compañía que máis Premios do Público atesoura, tres en total. Pola súa banda, Ron Lalá representará “En un lugar del Quijote”, catalogado coma un dos éxitos da temporada pola crítica e polo público dos festivais máis prestixiosos.

Boa colleita galega

En canto ás producións galegas, o programa inclúe dúas compañías de renome. Abrirá o festival unha das más consolidadas de Galicia, Mofa&Befa, cos que ademais o FIOT ten unha extensa relación. Evaristo Calvo e o cormelán Víctor Mosquera estrearán no Outono de Teatro a versión galega do seu espectáculo “Bobas&Galegas (Mofa&Befa no Século de Ouro)”, unha obra dirixida por Quico Cadaval.

O Festival conta tamén cunha das compañías emerxentes de creación contemporánea de máis proxección de Galicia, Voadora, que fará unha revisión shakespeariana da obra “A Tempestade”, con música en directo e unha sorprendente posta en escena, sendo unha das producións máis ambiciosas do ano.

Outra galega, en concreto a viguesa Celia Freijeiro, participará no FIOT dando vida a unha das personaxes de “Mucho ruido y pocas nueces”, outro hilarante texto de Shakespeare levado á escena polos andaluces Las Grotesqués. Freijeiro foi candidata aos premios Valle Inclán de Teatro na súa última edición e tamén se barallou coma unha das apostas do cine español para os premios Goya polo seu papel no film “Todo es silencio”, de José Luis Cuerda.

A pegada internacional chega da man de El Viajeinmóvil, prestixiosa compañía chilena que volta a Carballo para representar a obra “Otelo”, mesturando o teatro visual de obxectos, marionetas e actores para darlle unha nova visión ao clásico texto do dramaturgo inglés.

Teatro no mercado

Tras a positiva experiencia do ano pasado, a organización do FIOT volve programar representacións no Mercado Municipal de Carballo, na sala emprazada no último andar, xa que se trata dun espazo que permite acoller montaxes de envergadura sen perder a proximidade e o contacto co público. Ademais de dúas funcións da Rúa dos Contos, ata alí trasladarase “Fuenteovejuna, breve tratado sobre las ovejas domésticas”, unha innovadora adaptación do texto de Lope de Vega por parte da compañía catalana Obskené. Esta agrupación acadou o premio ao mellor espectáculo no festival de Almagro en 2013.

FIOT Carballo 2014

Ciclo OTNI

A sección dedicada ás novas propostas, talentos e linguaxes escénicas do FIOT, o ciclo Obxecto Teatral Non Identificado cumpre 5 anos cunha coidada selección de compañías, coma é o caso do colectivo Grumelot. Os madrileños escenificarán “Los brillantes empeños” unha arriscada produción con textos de Calderón, Tirso de Molina, Teresa de Ávila ou Lope de Vega, que non deixará indiferente ao público. Grumelot actúa baixo a dirección do arxentino Pablo Messiez, un dos novos valores da xeración de directores arxentinos que trunfan en España.

A proposta multimedia “Harket [Protocolo], de Panicmap (Valencia) e “Greenwinch Art Show”, de Marcarena Recuerda Sheperd (País Vasco) –esta é a súa segunda visita ao FIOT-, son as outras dúas propostas que se poderán ver no OTNI.

XVI Rúa dos Contos

Entre as actividades paralelas do FIOT, destaca, coma sempre, a XVI Rúa dos Contos, un festival en si mesmo. Catorce espectáculos de pequeno formato transformarán os 11 establecementos colaboradores (bares A Barra e O Pescador, cervexarías Dublín e A Bombonera, pub A Reserva, mesón A Cabana, cafeterías Valle Inclán e Colón e taberna O Patacón) eo Mercado Municipal en auténticos escenarios durante as dúas primeiras fins de semana de outubro. Entre as estreas desta edición destaca “Antoloxía sen filtro”, o novo espectáculo do carballés Rober Bodegas e “Bivalvos como galegos!”, da compañía de clown Os Sete Magníficos máis Un; e “Psicópata”, unha comedia negra de Antón Coucheiro. Outros nomes, algúns xa coñecidos, do elenco máis irreverente e noctámbulo son Estephanie Llayora, os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira, Cándido Pazó, o dúo Bacana, Isabel Risco, o Mago Teto, David Amor, a cantautora Palito, Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.

Teatro de rúa, con pincho

O Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”, unha nova edición da iniciativa infantil noctámbula “O Fiotiño” –que este ano se amplía a dúas noites debido ao éxito do ano pasado- ou as charlas cos elencos das compañías nos espazos denominados “Café con...” son algúns dos outros ingredientes das actividades paralelas do FIOT ás que este ano se suman tres novidades. Son a Escola do espectador, o encontro con fotógrafos Zoom FIOT e a presentación do libro “Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)”.

Tras o éxito do ano pasado, repítese tamén a experiencia gastronómica “Dálle un bocado ao FIOT”. Todos aqueles clientes que degusten unha das tapas, pinchos ou almorzos servidos nun establecemento hostaleiro de Carballo entrarán no sorteo de entradas e dunha cea e aloxamento na vila.

Venda de bonos e entradas soltas

Os bonos e entradas soltas poderán adquirirse de novo a través do sistema de televenda de servinova.com ou no teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h) por contrastarse este nas dúas pasadas edición como un método áxil e eficaz. Os socios do FIOT poderán adquirir os bonos entre o 20 e o 23 de setembro (72€ e 65€ prezo reducido) e o público en xeral, a partir do xoves 25. As entradas soltas do programa de sala e ciclo OTNI estarán á venda tamén desde o xoves 25 ata o día de antes de cada función por vía telemática, e na mesma billeteira do Pazo da Cultura, hora e media antes do inicio (19.30 a 21.00h), de quedar butacas libres.
Os tickets da Rúa dos Contos poderán adquirirse tanto os días de función como antes nos locais participantes, excepto para os espectáculos “Antoloxía sen filtro” de Rober Bodegas, “Psicópata de Antón Coucheiro e “Os contos de Joselín da Central Folque” que se fará vía telemática e na billeteira do Mercado Municipal os días de función.

Mención especial aos Voluntarios

Nesta edición, a organización tampouco quere esquecer a implicación do fiel público do Festival así como o inestimable labor do equipo de voluntarios, que desde hai cinco anos colaboran desinteresadamente no bo devir do Outono de Teatro.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios