O 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego
07:17 31/01/18
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de escoller a data 7 de febreiro para a celebración do “Día dos Medios en Galego”. Unha data que serve de homenaxe á publicación “O Tío Marcos da Portela”, nacida en febreiro de 1876. A histórica publicación foi a primeira entrega de prensa escrita integramente en galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.
O escritor e editor da cidade das Burgas recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular e expresou os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. Con moito humor, sentido crítico e ironía, Valentín Lamas soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural. Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, as malas comunicacións e a febleza da industrialización.
Ao Tío Marcos sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular.
A Asociación de Medios en Galego quere “contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na búsqueda de solucións”. Fixan para o 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, “unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. Os actos centrais deste Día dos Medios en Galego celebraránse en Fene o sábado 3 de febreiro.
Novas relacionadas
- Maio 2017: Un día do galego para os medios en español.
- QPC, exemplo dos micromedios que collen pulo na Internet galega.
- Os Medios en Galego reivindican no Culturgal a trasparencia nas axudas públicas.
- AMEGA denuncia a exclusión de medios en galego das axudas institucionais.
- Construíndo o futuro dos medios en galego.
- A Amega denuncia a política de publicidade institucional da Xunta ante expertos europeos.
- A Asociación de Medios en Galego reclama máis transparencia cunha proposta de Lei de Publicidade Institucional.
- A AMEGA, en contra da devastación dos nosos montes.
- A Xunta comprométese a traballar coa Asociación de Medios en Galego.
- Un bo ano para os medios en galego.
- A Asociación de Medios en Galego presentouse aos catro Grupos Parlamentares.
- 17 de maio: A Xunta “pasa” do galego.
- En marcha a Asociación de Medios en Galego con participación costeira.
- Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC.