O Casino de Carballo, ou como a cultura pode ser pasto da especulación
08:16 18/08/18
Edificio do Casino na Rua Lugo de Carballo
Complicado predecir o futuro do edificio do Casino de Carballo. Un dos epicentros culturais máis importantes da comarca de Bergantiños corre o risco de ser “pasto da especulación”, como denuncian os actuais membros da directiva que recuperaron este ano a actividade dun xeito verdadeiramente vertixinoso.
En apenas uns meses e tras varios anos de abandono, o Casino 1889 volveu converterse nun fervedoiro social e cultural, pero estes días afronta un chanzo fundamental para o seu desenvolvemento.
O vello edificio da Rúa Lugo, en pleno centro carballés, é un apetitoso produto para as construtoras. Os antigos donos venderan o edificio hai anos, perp a actual sociedade non se puxo en contacto coa directiva da asociación, que sabe, por outras fontes, a intención de derrubar o edificio.
A intención da directiva é salvar o edificio como parte intrínseca do “patrimonio cultural de Bergantiños”.
A situación dase en pleno mes de agosto e cos servizos administrativos oficiais paralizados a causa das vacacións, e con apenas dous meses para poder paralizar o proxecto de demolición, e os seus avogados xa están traballando a tope.
”A mensaxe que queremos transmitirvos desde o Casino1889 é que imos facer todo o que estea na nosa man para salvar o Casino, como edificio e como institución, aínda que non poidamos garantir nada”, explican aos seus socios e usuarios polas redes sociais.
Tamén o farán, buscando unha posible solución e/ou un plan de acción, na asemblea xeral que se realizará o vindeiro xoves 23 de agosto ás 20:30h-21:30h. Unha cita que terá un só punto na orde do día: «Tratar e decidir a respecto da adquisición do edificio exercendo o dereito de retracto que nos asiste, así como tratar e decidir as accións para levalo á fin».