Venres. 19.04.2024
El tiempo

O concello de Carballo celebra o Día da Muller con teatro e obradoiros

O concello de Carballo celebra o Día da Muller con teatro e obradoiros
tacons na corda Completísimo programa de actividades que ten preparado o concello de Carballo con motivo do Día da Muller, que terá lugar o vindeiro martes 8 de marzo. Súmase así a outros municipios da Costa da Morte, como Corcubión, Vimianzo,... entre outros, que reivindican este día. Con este completo programa de actividades, o concello de Carballo que pretende afondar tanto no aspecto social coma no laboral arredor da celebración desta data a colaboración entre as concellarías de Igualdade e Benestar e Promoción Económica, que dirixen Maica Ures e Xosé Regueira, respectivamente, tamén fará posible achegar as propostas lúdicas, didácticas, formativas, informativas e mesmo reivindicativas a todos os sectores da poboación, dende os escolares ata os máis maiores. A programación arrinca o luns 7 de marzo con un ciclo de contacontos para o alumnado de primaria promovido dende a área de Servizos Sociais. O mesmo día comezan no Fórum as actividades vinculadas ao ámbito laboral. Durante toda a mañá desenvolveranse unha serie de talleres informativos e prácticos para usuarias e usuarios da Bolsa de Traballo (BDT), e pola tarde tomarán o relevo empresarios cunha xornada práctica na que poderán participar todos os interesados e interesadas previa inscrición a través das redes sociais do Fórum Carballo, do correo electrónico [email protected] ou do número de teléfono 981 709 011. O martes 8 incorporaranse ás actividades os/as estudantes de secundaria. O Día da Muller está prevista para eles a representación de "Tacóns na corda", un espectáculo teatral con música en vivo co que Verdeveras Expresiones Artísticas intenta rachar coas etiquetas, os estereotipos e os prexuízos que normalmente xiran arredor das mulleres. Elas tamén serán as protagonistas da xornada no Fórum Carballo, que acollerá a partir das 20.00 horas un encontro de mulleres no que compartirán un aperitivo e as súas experiencias laborais e de emprendemento. O número de prazas é limitado, e as interesadas poderán anotarse a partir do día 1, tamén a través das redes sociais do Fórum Carballo, do correo electrónico [email protected] ou do número de teléfono 981 709 011. Xa o mércores 9 as actividades da mañá estarán dirixidas de novo ao alumnado de secundaria, que asiste a unha charla sobre ciberacoso impartida polo garda civil José Ramón Couto. Pola tarde a actividade trasladarase ao Fórum Carballo, que acollerá a partir das 18.00 horas a presentación e entrega dos selos de calidade á hostalería local e unha sesión informativa sobre os recursos municipais para o emprego dirixida tanto a empresarios/as coma a traballadores/as ou persoas desempregadas. A asistencia será libre. Taller de Danza Movemento Terapia Para o xoves está programado un Taller de Danza Movemento Terapia, no que Laura Martínez Rey intentará crear un espazo libre no que dialogar entre mulleres a través do movemento, a imaxe e a palabra. O prazo de inscrición aínda está aberto, e dada a boa aceptación que está a recibir a iniciativa é probable que se desenvolva en dúas quendas, pola mañá e pola tarde, segundo informa a Concelleira Maica Ures. O obradoiro é de balde e as interesadas poden informarse no 981 700 688. Esa mesma xornada, a partir das 20.00 horas, terá lugar no auditorio do Fórum Carballo a celebración do Foro Voz "Xerar emprego dende o local", no que se darán a coñecer diferentes iniciativas e empresas de éxito. A semana da Muller en Carballo rematao venres 11 cun obradoiro da psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) con mulleres vítimas de violencia.  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios