O Nadal, e o metal, invade a #AxendaCostadaMorte


Poucas citas que non teñan que ver no Nadal atopamos na #AxendaCostadaMorte nesta fin de semana previa ás tan esperadas datas de vacacións. Unha fin de semana que chega variada en canto ao tempo, como nos contan no exclusivo parte costeiro os amigos de 4gotas.com:
O tempo na fin de semana virá cun pouco de todo.
O venres aínda quedarán moitas nubes e chuvias no interior e no sur da Costa. Entre Muxía e Malpica apenas choverá e abriranse bastantes claros na tarde.
O sábado amencerá con bastante sol, pero con moito vento do sur (xa desde a noite do venres) e axiña se irá cubrindo. Xa no mediodía chegarán chuvias e na tarde serán intensas, e na tarde amainará ese vento forte.
O domingo alternarán momentos de sol con momentos de moitas nubes e chaparróns. Algún puntual e intenso, especialmente entre Fisterra e Muros e tamén cara ao interior. A partir do mediodía non choverá no norte da Costa e ao final da tarde poderase ir a votar en toda a Costa sen chuvia.
Contamos o tempo previsto para as eleccións neste artigo.
As citas do non Nadal
E como son poucas, arrincamos cas citas culturais como o Concerto de Fusión Latina en Cee. Tamén temos no Decembro Teatreiro en Vimianzo coa visita a noite do sábado de Mofa e Befa (Evaristo Calvo e o cormelán Víctor Mosqueira), con Bobas&Galegas.
Pero a gran cita será o Festival de Invero Lume de Carnota</a>, que xuntará no Porto de Lira a 4 bandas costeiras de metal para a procreación musiqueira.
Tamén o sábado, Corcubión acollerá o simbólico e II Recital Solidario Internacional con poetas de toda a bisbarra e recollida de alimentos.
Solidariedade
Entre todas as citas navideñas, temos que destacar a Gala Solidaria de Corcubión, que artella a asociación universidade Popular de Corcubión que organiza a Gala Solidaria 2015 a prol da Fundación Theodora, que traballa pola humanización hospitalaria de nenas e nenos a través dos “Doutor@s Sorrisos” coa finalidade de que a súa estancia en hospitais e intervencións quirúrxicas sexan menos traumáticas.
A gala, na que participarán diferentes artistas de maneira altruista, terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro na casa da Cultura de Corcubión ás 18:00 horas. A entrada-donativo será de 2 euros, e sortearánse dous lotes de Nadal entre os asistentes.
Obradoiro no Centro Comercial
Tamén o sábado, 19 de decembro, os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro de actividades en inglés organizado polo centro comercial Finis Terrae de Cee. O horario é de 16:30 a 20:30 horas.
Feira de inverno
Interesante será a Feira de Inverno de Fisterra, do 19 ao 24 no Mercado Municipal, con artesanía, textil, encaixe, complementos, pintura, cosmética… Unha feira enmarcada no programa de Nadal fisterrán.
Pensando nos comercios
Non deixedes de disfrutar da Campaña "SemecachaDEScóntovos" dos comercios de Carballo, con descontos e promocións.
De Nadais
E podedes botar un ollo aos programas de Nadal. Por exemplo no Programa de Nadal vimiancés teremos o venres ás 18:00h cita co mago Gran Pedrini na Casa da Cultura.
No Nadal carnotán, o sábado hai un Mercadillo de troco para adultos, dende ás 10:00h na Praza de San Gregorio, para vender e mercar cousas útiles.
Máis información
Fonte- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)