O programa Apego trae dúas novas citas a Carballo
07:09 09/11/16
O pazo da Cultura acolle mañá o espectáculo "O día que chegou unha nube e choveu" da compañía Trompicallo
A compañía teatral Trompicallo estará mañá no Pazo da Cultura de Carballo - ás 17 e ás 18:30 horas - para ofrecer o seu espectáculo de monicreques "O día que chegou unha nube e choveu" para crianzas de 1 a 4 anos e as súas familias. Esta é unha obra coa que os asistentes gozarán cos cinco sentido e que tratará sobre a auga.
A compañía Trompicalllo cumpre 20 anos dende que comezou a súa andaina. No ano 1996, Luís González e Marián González, despois de moitos anos de formación e traballo no teatro de marionetas, decidiron dar vida a este proxecto co fin de producir, investigar e difundir a arte dos títeres, empregando as máis variadas técnicas, estilos e postas en escena, sempre ao servizo da historia que se quere contar e sempre na procura dun xeito propio de expresión, títeres de luva, variña, fíos, obxectos...con texto, sen texto...
O aforo está limitado a un máximo de 30 nenos e nenas de 1 a 4 anos, acompañados dunha persoa adulta. Para asistir é necesario inscribirse no servizo de Normalización Lingüística ou no enderezo electrónico [email protected].
Domingo
Magín e Uxía traerán o domingo o seu espectáculo "Canta o Cuco" a Carballo
A programación do programa Apego en Carballo continúa o domingo con "Canta o Cuco. Magín e Uxía cantan a Manuel María". A cita será a partir das 18 horas no pazo da Cultura de Carballo.
Este espectáculo fai alusión ao canto do paxaro como símbolo de confianza no futuro, vínculo de compromiso e espertar a enerxía da natureza e a terra: “O ciclo da natureza que se reencontra consigo mesma, a música das esferas”. Como contrapunto, aparecen os poemas de As rúas do vento ceibe que achega ao público ao mundo urbano resaltando os seus valores mais sen deixar de cuestionar as súas eivas.
O espectáculo consiste na interpretación das cancións a cargo das mesmas persoas que participaron na composición e na gravación, agás Guillerme Fernández, que son: Uxía & Magín, Santi Cribeiro e Hector Lorenzo.
A proposta sostense nun formato musico-teatral dirixida por Inacio Vilariño, director da compañía de teatro Fantoches Baj. Trátase dun espectáculo multidisciplinar onde se mesturan diferentes técnicas escénicas, manipulación de obxectos, títeres, música e traballo actoral. Todo isto conxugado co deseño e ilustracións do prestixioso pintor de Narón, Leandro Lamas que nesta ocasión achéganos ao imaxinario de Manuel María.
Para asistir é necesario recoller convite, de balde, no Pazo da Cultura, na biblioteca Rego da Balsa ou na Ludoteca.
Novas relacionadas
- O programa Apego enche Carballo de actividades para os máis pequenos
- A programación infantil de Vimianzo chega con moito Apego
- Seis municipios da bisbarra inician a nova campaña do proxecto Apego.
- A crianza con “Apego” ponse en marcha
- O programa Apego expándese pola Costa da Morte
- 3 meses de actividades para coller Apego polo galego dende o berce
- Carnota pon en marcha o programa de dinaminación lingüística Apego
- Apego para criar en galego.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])