Sábado. 18.05.2024
El tiempo

O segredo mellor gardado, o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

O segredo mellor gardado, o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey
Xoan-Carlos-Dominguez-Alberte Xoán Carlos Domínguez Alberte Esta semana o concello de Fornelos de Montes fallaba o I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey, do que QPC é medio colaborador, ao igual que fai co Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo. O gañador resultou ser Xoán Carlos Domínguez Alberte, co texto "O segredo mellor gardado”. Domínguez é profesor de ensino público, escritor e autor de materiais para o ensino.

O segredo mellor gardado

O avó durou case tanto coma o vello século que con el rematou. Dende que o prenderan e lle tronzaran a columna para que cantase, ata a súa desaparición, pasaran xusto cincuenta anos. E cantar cantou, vaia se lles cantou.

Dende o ventre podrido das torturas dun cárcere ateigado de espíritos tolleitos, disparoulles á cara os sons libertarios que tan ben coñecía: “Agrupémonos na loita final. O xénero humano é a internacional”.

Non conseguiron tumbalo. Sempre fora coraxudo, ben tempo antes de andar no monte, que xa era home feito e dereito. Mais daquela mutilación quedoulle, para sempre, un andar derreado, coma a sombra dun paseo que nel nunca rematou.

Na fronte unha estrela, a da xustiza social. No bico un cantar, o dos seus inmorrentes ideais, cos que denunciou aos herdeiros dos verdugos, coa súa poderosa voz como cabeza da oposición no seu cativo concello rural.

Aquilo fora nos primeiros tempos daquela tan gabada transición, cando canto fascista había se converteu, de socato, en demócrata, da noite para a mañá.

Aínda tivo tempo de saber que se ía aprobar unha Lei da memoria histórica, mais xa non puido descubrir que ficaría en pouco máis ca en papel mollado botado ao mar.

Un mar no que se segue proxectando, coma unha inmensa pantasma asasina, aquel grande emblema fascista, a inmensa cruz dos caídos, mantida e defendida aínda na actualidade por seica un goberno progresista. Que, con toda impunidade, se segue exhibindo no lugar máis vistoso da súa cidade, no confín dos verdes castros sobre os reflexos da ría.

Pola lexislación internacional sabemos que nunca caducan —prescribir é a palabra oficial— os delitos executados contra a humanidade, contra a integridade das persoas.

“Ser peor o remedio cá enfermidade”, “se quen o aplica non ten a intención de sanar” —engadíalle el á setenza popular—. E con isto referíase á chamada Lei de Amnistía de 1977. Sen condena quedaron torturas, roubos, asasinatos, violacións… Sen castigo ningún o brazo executor de tanta barbarie.

Por iso nunca recoñecera pertencer á guerrilla, nin moito menos ser fuxido quen nunca lle escapou ao deber coa civilización. “A guerra fixérona os outros. Contra o goberno da República, contra a democracia popular” —e engadía, nun fondo sentimento que abalaba entre a tristura e a fachenda—: “Nós fomos os únicos que defendemos o ben, que sempre loitamos pola liberdade”.

Non quixo levar con el o segredo mellor gardado, e confioullo só a un descendente, saltando unha xeración. “Que vai pasar se lles dicimos aos de agora, despois de tanto tempo, onde está escondida toda a que fora a nosa munición? En vez de armaren un espazo vivo para a xustiza e a intelixencia, o que farán será querer volver matar o pensamento e os ideais, con todo o estrondo da metralla das súas tribunas e dos seus tribunais”. E seguramente levaba toda a razón.

A súa confianza estaba só nun ensino de verdade, da verdade, coma nos tempos da República. Nunha escola libre, laica, con ciencia e conciencia. Que algún día chegue a contar o relato fiel do que aquí, dende os anos trinta en diante, pasou.

Entón enténdese a súa vontade de non revelar o lugar onde, hai agora setenta anos, esconderan todo o armamento utilizado en defender a legalidade democrática que a crueldade asasina para sempre lles arrebatou.

E mentres tanto o silencio fráxil dos ósos nos que nos afirmamos, que nós afirmamos, demanda o antídoto contra a desmemoria, a única esperanza posíbel segue a estar na man da lembranza familiar.

  • Xoán Carlos Domínguez Alberte. Artigo gañador do I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey de Fornelos de Montes.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios