Venres. 03.05.2024
El tiempo

O teatro, o gran protagonista da última fin de semana de outubro na #AxendaCostadaMorte

O teatro, o gran protagonista da última fin de semana de outubro na #AxendaCostadaMorte
Axenda-Costa-da-Morte-28-10-18

Como cada venres traemos a QPC un resumo a golpe de click de todas as citas debulladas que tendes na #AxendaCostadaMorte, sempre accesibles en quepasanacosta.gal/axenda/. E nesta última fin de semana de outubro é o teatro o gran protagonista. E así será durante os vindeiros meses unha vez que son varios os Concellos que ratifican a súa aposta polo teatro como gran dinamizador cultural.

Teremos ademais algo de música, gastronomía e comezaremos, esperando que vaia chegando a chuvia, coa micoloxía.

Pero antes, vemos como vén o tempo.

Parte de Meteogalicia

Despois da semana soleada que tivemos, onte xa houbo algunha nube alta. Hoxe venres aumenta o vento de nordés, máis forte pola tarde, que irá paralelo ao aumento da nubosidade, pois vai ir entrando unha fronte que poderá provocar algunha chuvia xa pola noite.
O sábado teremos ventos fortes do norte que traerán aire moi frío, sendo o máis destacado a baixada de temperaturas dos 20º destes días de máxima aos 14º que como moito alcanzaremos durante o sábado e domingo. >Ademais chegará a chuvia, con chuvascos intermitentes, se ben os ceos alternarán nubes e claros. O domingo xa haberá chuvascos a primeiras horas e ceos estarán máis cubertos.
No mar haberá mar de vento, con aviso amarelo por ondas de 4-5 metros.

Última quenda do FIOT

Última fin de semana do FIOT, cargada iso si, de experiencias singulares. O venres ás 21:00h, ciclo OTNI, para o sábado citas de rúa co Microteatro e sesión de sala coa obra El Tratamiento. E para o domingo, a obra máis crítica de todo o FIOT.

Teatro e máis teatro

Se a vindeira fin de semana arrincan as mostras de teatro de Carnota e Ponteceso, a semana pasada facíao a de Laxe e esta mesma faino a XIV Mostra de Teatro de Malpica. Pola vila malpicá teremos este venres unha obra infantil, premiada nos María Casares, da man de Elefante Elegante.

Por Vimianzo continúan apostando pola programación continua e a programa de Outono en Vimianzo con Quico Cadaval e os seus Inocentes, despois de triunfar en Cee.

Tamén en Santa Comba hai teatro coa visita o sábado do grupo de Teatro Galego de Berna e o domingo coa obra da Asociación de Mulleres Rurais de Arantón.

Muxía ten tamén unha cita co Ubú Rei da compañía costeira Talía Teatro a golpe de sábado noite.

Tamén está en marcha a XII Mostra de Outonro de Teatro de Laxe que trae este Domingo 28 de outubro á compañia Sen cancelas teatro coa obra “2010”.

Un pouco de gastronomía

Tamén a gastronomía vai collendo confianza no outono costeiro, e por Ponteceso xa teñen todo listo para a XXVIII Feira das Fabas que se desenvolverá durante o sábado e o domingo cun completo programa.

Música e libros

O venres Senda Nova continúa coas súas interesantes Conversas no LuscoFusco, e desta volta será Ramón Nogueira o que fale das sementes ás 19:00h no Espazo de Natureza de Oza.

Tamén o venres o Museo do Mar de Laxe acolle a presentación do libro Toponimia do Concello de Laxe”, de Xosé Vázquez Labandeira.

Acolle o simbólico Dolmen de Dombate un doble e singular evento. Cesar Antonio Molina presentará o seu libro o sábado a partir das 17:00h e de seguido farase entrega dos Premios Dolmen de Dombate.

No marco do programa O Mes da Fundación Fernando Blanco chega este sábado a Cee o concerto de Falúa, unha viaxe polas músicas lusófonas.

E para pechar o sábado, que mellor que facelo no Celme Café de Vimianzo cun concerto de versións da man de En mala hora.

Micoloxía e rutas

Imos quecendo os motores da temporada micolóxica (esperando que choiva algo máis..) e por Carballo xa comezan as Xornadas Micolóxicas da Asoc. Lumieira durante a tarde do sábado.

Ademais, arrinca o programa Outono en Marcha de Senda Nova, e os amantes das camiñadas poderán descubrir este domingo a Senda das Capelas de Laracha.

Exposicións

  • As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados, domingos e festivos en horario de 11:00 a 19:00 horas. Estes días ten aExposición do naturalista Víctor López Seoane nas Torres do Allo; onde ademais hai a programación habitual:
    - Visitas Guiadas: ás 13h e 17h. Permitirán coñecer o conxunto etnográfico que inaugurou unha tipoloxía edilicia en Galicia.
    - O Xogo de Pistas “Os secretos Ocultos nas Torres: deforma continuada durante o horario de apertura (sen necesidade de reserva previa).
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temlporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • A tenda turística Stoupa acolle a exposición trasna de Teresa Candal durante estes meses de outubro e novembro.
 

Máis información

Comentarios