Os escolares de Coristanco gozan das artes escénicas
Interesante a nova 'Programación de Artes Escénicas para escolares' que abre o Concello de Coristanco para este mes de novembro. A Casa da Cultura acollerá este ciclo que ten por obxectivo achegar o teatro ás escolares e favorecer desta maneira o acceso de novos públicos ao mundo das artes escénicas.
Durante os días 2, 9, 16, 23 e 30 do mes de novembro as escolares do Concello de Coristanco poderán desfrutar das artes escénicas da man de cinco compañías especializadas en público infantil e xuvenil.
O cartel e a imaxe desta programación foi realizada por Emi de las Heras, artista plástica de Bergantiños
Programa
- 2 de novembro. 10h, 11h e 12h30 (Educación Infantil e CRA). Compañía: Trompicallo Teatro I Espectáculo: "O día que chegou unha nube e choveu”.
Sinopse: Había unha vez que non había nada, só pedras. Entón chegou unha nube, choveu e formouse un manancial. Coa chegada da auga creceu a herba, e na herba as flores e as árbores, na auga naceron os peixes e as ras, despois chegaron os insectos, as ovellas, o lobo ... en fin, a vida. Pero, que acontece cando un día a auga desaparece?
- 9 de novembro. 10h e 11:30h (Primeiro ciclo de Educación Primaria). Compañía: Teatro Babaluva I Espectáculo: "TITA"
Sinopse: TITA viaxa cara o seu interior compartindo con nós a súa aprendizaxe ata ser quen de distinguir as súas emocións, ollándoas cara a cara, e sabendo o que lle queren dicir. TITA e máis nós, precisamos saber como xestionar o medo, a tristura ou a ira, para que pouco a pouco, gocemos dunha harmonía emocional. Un espectáculo teatral sobre a intelixencia emocional, con dúas actrices e manipuladoras de monicreques e obxectos.
- 16 de novembro. 10h e 11:30h (Segundo ciclo de Educación Primaria) Compañía: Teatro Ghazafelhos I Espectáculo: "Acuario”.
Sinopse: Acuario" é teatro baseado no libro de poemas de María Canosa que leva o mesmo título. O seu obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Todo isto faise dun xeito ameno e divertido grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen o humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía a "mar de atractiva". Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico... e mariño.
- 23 de novembro. 10h e 11:30h (E.S.O). Compañía: Raquel Queizás I Espectáculo: "Caso Pechado”.
Sinopse: Relatos de misterios, historias de terror e lendas urbanas. Caso Pechado é un espectáculo de contacontos para adolescentes que recolle lendas urbanas, relatos de misterio e historias de terror. Unha detective fala dos casos máis curiosos que tivo que investigar. Case todos foron resoltos, son casos pechados, agás uns…
- 30 de novembro. 10h e 11:30h (Terceiro ciclo de Educación Primaria). Compañía: A Tropa de Trapo I Espectáculo: "O ritmo do camiño"
Sinopse: Antía e Wamba coñecéronse hai anos, compartindo unha merenda cando Antía era nena. Pero pasaron os anos e agora Antía está en África traballando coma cooperante, mentres Wamba segue en Europa intentando gañarse a vida. Os dous seguen en contacto, falando a través da rede. Antía, no medio do seu choque cultural, descubrindo África, co seu ritmo, a súa alegría e os seus conflitos, e Wamba loitando día a día por saír adiante. Antía contaralle a Wamba as historias africanas que se vai atopando e Wamba falaralle a Antía de cómo ve Europa despois de tantos anos intentando sobrevivir. Os dous xuntos na distancia, correo a correo, paso a paso, descubrindo o ritmo dos seus novos pasos.
Fonte
- Urdime.