sábado. 15.03.2025
El tiempo

Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte analiza o estado de saúde da lingua

Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte analiza o estado de saúde da lingua
Voceiros da Plataforma Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte

Chega a Festa das Letras Galegas e os colectivos preocupados polo estado real de saúde da nosa lingua xa comezan coa campaña. Desta volta é a plataforma Queremos Galego Bergantiños-A Costa da Morte a que fai un chamamento a “darmos un paso adiante polo galego” participando nas concentracións do vindeiro 17 de Maio que baixo o lema: “Un paso adiante e outro tamén Galiza”. Unhas manifestacións que se van realizar nas sete cidades galegas e en Foz o vindeiro 17 de maio ás 12 h.

Estado de saúde

A plataforma denunciou a desaparición do galego nos centros de ensino das cidades onde tan só o 3% dos centros de educación infantil imparten as aulas en galego e unicamente o 20% do ensino non universitario se desenvolve na lingua do país. “No canto de defender e promocionar a nosa lingua propia o actual goberno da Xunta dedícase a 'oficializar' prexuízos contra o galego e a 'desoficializar' a lingua propia de Galiza lexislando para eliminar o galego dos centros de ensino, como se dun virus se tratar”.

“O galego é a única lingua do estado que perde falantes é iso non é debido a un proceso natural senón ás políticas discriminatorias aplicadas polo goberno de Feijóo” declarou Xosé Cotelo que rematou dicindo que “o galego padece as consecuencias dun proceso secular de substitución lingüística” e que “as políticas regresivas levadas a cabo polo goberno de Feijóo poñen en risco o futuro do galego”.

Novos pasos

Paco Souto, poeta, escritor e dinamizador da vida cultural de Bergantiños, denunciou “o tratamento de segunda categoría que recibimos ás galegas e os galegos que queremos vivir en galego” pois “trinta e tres anos após ser aprobado o Estatuto de Autonomía os nosos dereitos lingüísticos seguen a ser vulnerados”.
O escritor manifestou o seu desexo de que a ILP Valentín Paz Andrade aprobada polo Parlamento Galego “sexa aplicada integramente para nos achegar á realidade lingüística á que pertencemos” e de que non fique gardada no caixón como simple anecdóta e reclamou que “a administración debería facer esforzos para que a literatura galega chegue á sociedade galega”.
Paco Souto rematou a súa intervención recitando un texto extraído da obra da súa autoría, “As árbores do incesto”, en referencia á situación actual do galego: “O coitelo afundido na lingua e os bufóns a celebrar o etnocidio”.

Dignificando, como Rosalía

Finalmente o portavoz da plataforma na zona, Artur Trillo deu lectura ao manifesto lembrando a figura de Rosalía de Castro que “culminou un proceso de dignificación da lingua galega” e que “todas e todos os que estamos aquí somos fillos ou descendentes deste esforzo, mais ao tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade”.

O portavoz da plataforma dixo que “o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Mais non os imos compracer”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios